Traiñeiras: os catro remeiros galegos que gañaron a Concha 2015

A embarcación de Urdaibai fíxose coa prezada bandeira impóndose a Hondarribia, que chegaba con vantaxe. Tirán foi sétima. Catro vogadores de Galiza están na tripulación vasca vencedora.

concha_aficion_urdaibai_foto610x225
photo_camera Festexo vitoria Urdaibai

Urbaibai renovou coroa e máis un ano mantense como raíña das traiñeiras. Un título que non se gaña nin na Liga San Miguel nin, moito menos, nos Campionatos do Estado. A córa conquístase nos 2 primeiros domingos de setembro na Bahía de Donostia. Na Regata da Concha, que leva 136 anos marcando historia no banco fixo.

Urdaibai impúxose, renovando o título conquistado en 2014, e fíxoo con autoridade, impóndose a Hondarribia, a traiñeira que chegaba cunha lixeira vantaxe para se facer coa Bandeira após gañar na primeira quenda da regata. Hondarribia tiña menos de 2 segundos de ventaxe sobre Urdaibai. Foron poucos para resistir perante o regatón dos de Bermeo, que gañaron con contundencia.

Entre o plantel dos de Urdaibai hai catro galegos: David Iglesias, Oscar Viudes e Antonio Miguel(O Grove) e Nando Rúa (Moaña). Son os galegos que gañaron a Concha de 2015.

A traiñeira galega que conquistou praza para competir na Concha (Tirán) acabou sétima, só por diante da Donostiarra. Non foi a súa mellor regata, desde logo. Xa saiu mal e foi perdendo tempo até ser superada pola San Pedrotarra, á que os de Tirán se impuxeran na primeira xornada. Malia todo, Tirán foi a única embarcación non vasca que logrou entrar na Concha. Un dado que amosa o bo nivel da embarcación 'Mar do Con'.

Comentarios