Traiñeiras: calma chicha na liña da fronte

Hondarribia gaña e comanda unha Liga ACT na que Tirán e Cabo pugnan por ser os primeiros galegos. Na Liga galega, Amegrove e Mecos seguen firmes e sen ceder unha palada.

Traiñeira Tirán

Tirán e Cabo da Cruz protagonizaron esta fin de semana na regata da Liga San Miguel ou ACT en Zarautz unha pugna espectacular na que os de Tirán se impuxeron aos barbanzáns por só unhas décimas. Unha imaxe da 'batalla' que manteñen as dúas traiñeiras galegas por ser a primeira embarcación de Galiza nesta liga na que toman parte 8 traiñeiras vascas, 3 galegas (as citadas máis Samertolameu de Meira) e 1 cántabra. Nas augas desta vila de Gipuzkoa, Hondarribia volveu vencer e reforza o seu liderato na cabeza da táboa, con 148 puntos fronte aos 132 dos segundos, Urdaibai. Tirán vai de sexta, Cabo son 7ª e Meira, 12º.

Tirán e Cabo son, desde hai anos, as mellores traiñeiras de Galiza. Se entre 2009 e 2013 o Campionato galego foi gañado por Tirán, nestas 2 últimas edicións foi para Cabo da Cruz, que en 2014 ascendeu á Liga ACT e ficou por diante dos de 'Mar do Con' na clasificación xeral. A estas alturas da temporada, son os de Moaña quen van por diante dos barbanzáns, se ben só con 3 puntos de diferenza.

Liga Galega

Na Liga Galega de Traiñeiras tampouco hai excesivas novidades. Na categoría A (8 traiñeiras) Amegrove mantense de líder, por diante de Mugardos e Ares. Na Regata de Carril entraron os de Mugardos como primeiros, por diante dos de Amegrove.

Na categoría B -7 traiñeiras-, Mecos mantén o primeiro posto após os triunfos en Carril e Castropol. Na táboa xeral son segundos os asturianos de Castropol e terceiros Chapela. De cuarta, Rianxo.

Na liga feminina, Cabo imponse a San Martiño e Chapela.

Foto: Traiñeira 'Mar do Con' de Tirán na regata de Zarautz. Foto de Maider Celada (Liga ACT)


 

Comentarios