A traiñeira de Tirán representará en solitario Galiza na emblemática regata da Concha

Foi a única das 5 traiñeiras galegas que logrou clasificarse para a regata máis importante do remo. Competirá na final coa anfitroa (Donostiarra), Urdaibai, Hondarribia, Orio, Kaiku, San Juan e San Pedro.

Traiñeira Tirán

Finalmente só Tirán foi quen de entre as 5 traiñeiras galegas de se meter na tanda final da Concha, a regata de traiñeiras por antonomasia, a cita que os afeccionados ao remo agardan todo o ano. Máis dun século de historia ten esta regata na Bahía de Donostia, a competición que soñan con desputar todos os remeiros. Os domingos 6 e 13 deste mes decorrerán as 2 quendas que compoñen a final desta mítica cita.

Cabo de Cruz, Amegrove, Mugardos e Ares non lograron pasar a clasificatoria, sendo os crucenses os que estiveron máis perto de conseguilo, mais non foi posíbel e foron os de San Pedro os que lograron conquistar o boleto para a final. Un total de 24 embarcacións competiron nesta quinta feira na regata de clasificación. A única non vasca que logrou un pase para a final é a de Tirán.

Tirán representará en solitario a Galiza na Concha e será quen tentará por primeira vez na historia – en modalidade masculina-  traer a mítica bandeira donostiarra para o noso país. Batirase para iso coas outras seis traiñeiras clasificadas (Urdaibai, Hondarribia, Orio, Kaiku, San Juan, San Pedro) e a anfitrioa, a Donostiarra. Como favoritas parten Hondarribia, que esta tempara leva 12 bandeiras conquistadas das 17 nas que compiteu; e Urbaibai, actuais campións de Euskadi e do Estado de traiñeiras. Mais nunca se pode perder de vista a embarcacións como Orio, que conquistou a Concha en 31 ocasións.

Tirán sabe ben o que é competir na Concha, un reto que afrontou en varias ocasións. De feito en 2012 Tirán conquistou para Galiza a nosa mellor clasificación nesta regata até a actualidade, un máis que meritorio terceiro posto. Naquel ano a vitoria fora para a traiñeira de Kaiku. En 2013 o triunfo foi para Hondarribia -nunha polémica final con descalificación de Urdaibai incluída- e en 2014 a bandeira da Concha foi ondeada por Urdaibai.

Na categoría feminina non haberá representación galega ao non lograr Chapela clasificarse. Na final da Concha para as traiñeiras femininas competirán Zumaia, Orio, Hibaika e San JUan.

Comentarios