A traiñeira de Tirán imponse na contrareloxo de Pedras Negras, O Grove

Vinte embarcacións tomaron parte na regata organizada polo Club de Remo Mecos. Os de Tirán sacaron oito segundos de vantaxe aos segundos, Cabo de Cruz, e dezaseis sobre os terceiros, Meira.

Traiñeira Tirán
photo_camera Traiñeira Tirán

As traiñeiras galegas continúan a quentar os toletes de cara ao inicio da tempada, tanto da Liga Galega como da ‘eusko label’, até agora denominada ACT ou San Miguel. Este domingo O Grove acollía unha nova proba da pre-tempada galega, a contrareloxo de Pedras Negras, que organiza o club de remo Mecos e que xa vai pola XI edición. A vitoria foi para a traiñeira de Tirán, que logrou así a súa primeira bandeira da pretempada, e fíxoo nunha proba onde competiron 20 embarcacións.

Os de Tirán fixeron un tempo de 20 minutos e 25 segundos, unha vantaxe importante sobre os segundos clasificados, Cabo de Cruz, que marcaron un 20’ 33’’. O terceiro posto logrouno a traiñeira de Meira, con 20’ 51’’ e na cuarta praza entrou Mecos, con 20’53’’.

As anteriores citas da pretempada de traiñeiras en Galiza foron para Ares (.Iv Memorial Lagar) e Cabo de Cruz (Memorial Pepe O Ruso e contrareloxo de Cabo). 

Comentarios