A traíña de Bueu segue imparábel e Chapela sorprende a Cabo da Cruz

Os do Morrazo gañaron a Bandeira de Moaña.
Chapela, festexando a vitoria. (Foto: Liga LGT).
photo_camera Chapela, festexando a vitoria. (Foto: Liga LGT).

A Bandeira de Moaña de traíñas evidenciou de novo a superioridade que está a mostrar este ano a embarcación de Bueu, que acadou o seu terceiro triunfo nas catro regatas disputadas na Liga 'A'. 

Dense o primeiro momento os do Morrazo marcaron as diferenzas no mar e tan só os de Samertolameu puideron seguirlles algo o ritmo, aínda que remataron por detrás a case cinco segundos. A terceira praza quedou para os anfitrións da proba, os remeiros de Tirán -a máis de sete segundos-, unha vez máis superados polos que xa son os dous máis claros aspirantes ao ascenso de categoría. Así, a clasificación xeral queda liderada por Bueu, con dous puntos de ventaxe sobre Samertolameu e catro por diante de Tirán.

Onde saltou a sorpresa foi na categoría feminina, na que Chapela sorprendeu Cabo da Cruz, traíña que levara o triunfo nas anteriores dúas regatas.

As redondelás dominaron a quenda e malia que Cabo apertou, finalmente quedou a case seis segundos. As terceiras foron as de Mugardos. A xeral queda agora con Cabo e Chapela só separadas por un punto.

Mentres, na máxima categoría das traíñas, a Eusko Label Liga, que a próxima fin de semana chegará á Coruña, Cabo da Cruz chegou na oitava praza, mentres que o Club de Remos de Ares acabou na undécima, os mesmos postos nos que figuran na xeral do que vai de Liga.

Estrea da vela no campo de regatas coruñés

Sen saír da auga, o Náutico coruñés organizou a XXII Regata Infanta Elena, primeira proba do Trofeo Presidente da Xunta. O Mirfak de Ferrol impúxose na División 'A', mentres que o Urbapaz de Cabanas gañou a 'B' e o Golfiño da Coruña, a 'C'. En J-80 o Impresión 3D Atlántico dos organizadores repetiu o triunfo de hai un ano.

Comentarios