A tradicional carreira San Silvestre torna nun evento virtual e solidario

A pandemia obriga a repensar a actividade.
Carreira de San Silvestre de 2019 (Nós Diario)
photo_camera Carreira de San Silvestre de 2019 (Nós Diario)

A undécima edición da San Silvestre A Coruña adáptase ás circunstancias sanitarias actuais para transformarse nunha carreira "virtual e solidaria". Así o explicou a concelleira de Deportes da Coruña, Mónica Martínez, durante a presentación do novidoso formato dun evento xa clásico do Nadal coruñés.

A inscrición para realizar os percorridos será totalmente gratuíta, aínda que as persoas participantes que así o desexen poderán realizar unha doazón mínima de cinco euros, que irán destinados integramente á cociña económica, o que lles permitirá dispor da xa tradicional camiseta e de todos os agasallos que se inclúan na "bolsa do corredor".

A carreira realizarase despois de inscribirse a través da aplicación oficial, San Silvestre Coruña, que xa se pode descargar para dispositivos Android e Apple, ou na páxina web www.sansilvestrecoruna.com.

As e os participantes poderán realizar un, varios ou todos os percorridos deseñados pola organización, ou mesmo un libre, escollido pola propia persoa corredora, todas as veces que queiran, aínda que só se contabilizará o mellor tempo conseguido.

Deste modo, a San Silvestre Coruña poderá disputala "calquera persoa, de calquera idade en calquera parte do mundo", destacan desde a organización.

Tres percorridos Hai tres tipos de percorridos, ademais do que elixe libremente a participante: os oficiais (dúas distancias para escolares de 500 e 1.000 metros, 5 quilómetros e 10 quilómetros polo Paseo Marítimo), o Camiño Inglés (cun total de seis etapas) e o Reto Diversa Handbike.

A carreira virtual poderá disputarse durante todo o mes de decembro aínda que as inscricións para levar a bolsa do corredor terminarán o 26 de decembro.

Comentarios