Trabazo e Parada dominan as tres horas de Resistencia

Lousame acolleu o Campionato da Galiza de tres horas de Resistencia. A novidade desta edición foi incluír as parellas na lista de categorías oficiais.
Irene Trabazo e Manuel Parada, en Lousame (Foto: FCG).
photo_camera Irene Trabazo e Manuel Parada, en Lousame (Foto: FCG).

A segunda edición do Campionato da Galiza de tres horas Resistencia repartiu quince coroas en Lousame, municipio da comarca de Noia. Participaron un total de 300 ciclistas, o máximo permitido desta vez, co predominio da Elite, Irene Trabazo, e do Máster-30, Manuel Ángel Parada, que reinaron en individual.

Ademais, por primeira vez na historia galega desta especialidade ciclista puxéronse en xogo tamén títulos por parellas que, na estrea, conquistounos Rebeca Muñoz-Yago Fernández, Uxío Canosa-Pablo Rodríguez e Sheila Sánchez-Verónica González.

Por parte da organización, a cargo do Club BTT O Treito, preparouse un percorrido de case seis quilómetros con tres treitos dunha lonxitude similar: unha subida inicial, unha rápida baixada e un sector chairo ao carón do río. 

As vitorias individuais

Unha semana despois de perder a xeral Máster-30 da Copa Galiza na última volta da xornada de clausura, Manuel Parada dominou por primeira vez este trofeo, proba na que o ano pasado quedou fóra ao principio por mor dunha caída.

O título do grupo de idade Júnior logrouno Francisco Agrafojo, logo dun vibrante duelo até os metros finais con Martín Sestelo. Entre os Máster-50, venceu con claridade Antonio Rodríguez e, nos Máster-60, Manuel Dorrio  decantou o seu favor a loita con Carlos Gómez

Eva Ortega, pola súa parte, defendía ser a campioa Elite no 2022 e invicta no calendario galego, mais non puido revalidar ningunha das dúas. Impediullo unha corredora que esta tempada aínda non participara nunha proba deste tipo: Irene Trabazo. A marinense soubo administrar a vantaxe acumulada nos tres primeiros parciais e liderou a carreira até o final.

A novidade das parellas

O campionato de máis recente creación no calendario da Federación Ciclismo Galego (FCG) incluíu pór as parellas na lista de categorías oficiais. Baixo o formato de remudas competiron dúos mixtos, femininos e masculinos. Uxío Canosa e Pablo Rodríguez impuxéronse na proba de homes.

O título mixto obtivérono, con nove parciais completados, Rebeca Muñoz e Yago Fernández. Por último, a categoría feminina tivo como triunfadoras Sheila Sánchez e Verónica González.

Comentarios