Toto Berizzo elixiu o Celta aínda que contaba con mellores ofertas

O presidente do Celta recoñece que as negociacións non foron fáciles, posto que o chileno tiña ofertas para adestrar nos grandes clubes do seu país

O Celta dá a benvida a Berizzo
photo_camera O Celta dá a benvida a Berizzo

Hai xogadores que pola súa personalidade no terreo de xogo, pola súa xerarquía e liderado natual, apuntan maneiras como adestradores. Eduardo ‘Toto’ Berizzo é un dos mellores exemplos. O que fora central do Celta volve a Vigo para capitanear un equipo que esta tempada conseguiu asentarse na máxima categoría do fútbol español.

A aposta é de continuidade, segundo aclara a directiva celeste, posto que Berizzo gosta dun fútbol ambicioso e coñece a filosofía do clube. Mais as negociacións non foron fáciles. O adestrador chileno contaba con ofertas no seu país, logo de acadar o Torneo Apertura 2013 e a Supercopa 2014 no O´Higgins.

O técnico chileno solicitou xa até cinco incorporacións: un lateral esquerdo, un central, un centrocampista, un home de banda e un dianteiro. 

“Encontrámonos co mesmo caso que con Luis Enrique, Berizzo vén ao Celta por bastante menos cartos dos que lle ofrecían en Chile. Él transmitiume que necesitaba máis o Celta do que o clube a el. Iso foi moi importante, porque non falábamos xa de diñeiro, senón dun sentimento”, aclarou esta cuarta feira o presidente Carlos Mouriño.

Berizzo será presentado a vindeira semana e chegará acompañado do seu equipo técnico. Ernesto Marcucci, como axudante; Pablo Fernández, como preparador físico; Carlos Kisluk, como entrenador de gardamallas e Gustavo Onaindía, como segundo adestrador.

O técnico chileno xa comezou, ademais, a deseñar o equipo para a nova tempada. Solicitou até cinco incorporacións: un lateral esquerdo, un central, un centrocampista, un home de banda e un dianteiro. Aliás, a estratexia podería verse alterada pola saída de xogadores celestes, que teñen bon cartel e xa recibiron ofertas.

Comentarios