O Torneo Internacional de Ourense achega 1.000 ximnastas até a Galiza

A proba desenvolverase até o domingo no Paco Paz.
A proba comezou no ano 2011 con 165 competidoras (Foto: Club Marusía).
photo_camera A proba comezou no ano 2011 con 165 competidoras (Foto: Club Marusía).

O pavillón de deportes Paco Paz reúne até o vindeiro domingo, 17 de abril, un milleiro de deportistas que participarán no X Torneo Internacional Ourense Provincia Termal de ximnasia rítmica, organizado polo Club Marusia e a Deputación  de Ourense. 

As probas da décima edición deste histórico certame arrancaron onte coa competición de conxuntos de nivel escolar e individuais de promoción e pre base, sendo hoxe a quenda dos equipos de promoción e individual base e masculino.

Xa na xornada de mañá sábado participarán os conxuntos de copa base e individual absoluto, mentres que o domingo terán lugar as  finais individuais e de por equipos absolutas.

Neste 2022 consolídase o crecemento dun torneo que continúa aumentando o seu número de participantes, pois pasou das 165 ximnastas na primeira edición (2011) ás 1.100 competidoras que participarán este ano.

Neste sentido, Pilar Vázquez, presidenta do Club Marusia, destacou que foron da partida "máis de 60 clubs procedentes de diversos puntos da xeografía estatal, así como da Arxentina e Portugal, con ximnastas pertencentes á selección española sénior e júnior e ao combinado portugués sénior absoluto.

Vázquez puxo tamén en valor que o X Torneo Internacional Ourense Provincia Termal ten como obxectivos "o fomento do deporte feminino, e en particular da ximnasia rítmica, así como a apertura de liñas de colaboración con equipos rexionais, estatais e mesmo internacionais desta disciplina".

A maiores, subliñou que desde o Club Marusía tamén pretenden "situar Ourense, e á Galiza, no primeiro plano deste deporte", ao mesmo tempo que contribúen "ao desenvolvemento económico do territorio ourensán impulsando o turismo deportivo".

Comentarios