Toimil e Okutu, grandes atractivos do Campionato galego de Atletismo

Expourense acolle o Absoluto de Pista Cuberta o próximo domingo.
Cristina Álvarez, Rosendo Fernandez, Isidoro Hornillos, Gonzalo Pérez Jácome e Manuel Pérez. (Foto: Fegata).
photo_camera Cristina Álvarez, Rosendo Fernandez, Isidoro Hornillos, Gonzalo Pérez Jácome e Manuel Pérez. (Foto: Fegata).

Expourense será o escenario o vindeiro domingo, 14 de marzo, dunha das citas máis agardadas do ano: o Campionato da Galiza Absoluto de Pista Cuberta, que se desenvolverá en dúas xornadas nunha instalación á que acudirán un importante número de atletas galegas de talle internacional, entre as que destacan Jean Marie Okutu -olímpico en Río 2016 no concurso de salto de lonxitude- e Belén Toimil, que a pasada fin de semana facía historia no Campionato de Europa de Torún esnaquizando a plusmarca estatal de peso e logrando, de paso, a súa clasificación para os Xogos de Tóquio 2021.

Por disciplinas, no sector da velocidade, Javier García, do Real Club Celta, chega á proba dos 60 metros coa mellor marca de todos os participantes co obxectivo de defender o título logrado o ano pasado.

No duplo hectómetro, o internacional e plusmarquista galego dos 100 e dos 200, Mauro Triana (Praias de Castellón) será o encargado xunto a Sergio Rodríguez (Ximnástica de Pontevedra) de subir o nivel da proba.

Con respecto aos 400 metros, a non participación de Pedro Juncal deixa as portas moi abertas nunha carreira na que está inscrito David de la Fuente, da Ximnástica, pero onde son Kristian Krasnov (Club Atletismo Sada) con 49,35, e David Ngwudile (Celta) con 49,48 os que parten con mellores rexistros ao aire libre.

O propio David de la Fuente intentará tamén competir sobre os 800 metros na procura dun dobrete que se lle escapou o ano pasado nos 400, unha opción que gaña enteiros ante as ausencias dos mellores especialistas do país na modalidade, Adrián Ben e Pedro Ossorio.

Un cambio para Numa

Na proba raíña, os 1.500 metros, Carlos Porto (Ximnástica) acode na defensa do seu título co mellor rexistro entre os participantes, 3:56.36, o que o converte en gran favorito xunto co actual subcampión estatal ao aire libre Sub-23 nos 800 metros, un Elian Numa (Coruña Comarca) que probará sorte nesta distancia.

E na disciplina de fondo por excelencia en pista cuberta, os 3.000 metros, Álex Fernández (Ourense Atletismo) e o vixente campión de España Sub-20 de campo a través, El Mehdi El Naboaui (Praias de Castellón) protagonizarán, previsibelmente, un fermoso duelo polo ouro.

Xa no sector dos valados, sobre a pista central de Expourense Santi Rozas -finalista do último Estatal Sub 23- parte con teórica vantaxe ante os outros dous grandes candidatos, o representante da Atlética Lucense, Guzmán Carril e o do Marineda, Hugo Vázquez, quen vén de ocupar un extraordinario cuarto posto no recente Campionato de España Sub20.

No apartado de saltos, Andrés Vila (Lugo Runing) acode en calidade de favorito á proba de altura con 1,83 metros. A pértega está algo máis aberta, pois o vixente campión galego, Santi Ferrer, terá que pelexar tanto con Miguel Cajaraville como con Tomás López e mesmo Aitor Fernández.

E a lonxitude masculina será un dos pratos fortes deste campionato, pois tomará parte o atleta olímpico e plusmarquista galego Jean Marie Okutu, na procura de superar os 7,77 metros que alcanzou este ano e que o sitúan no terceiro lugar do ránking estatal, un protagonismo que no triplo salto recaerá no flamante subcampión de España Sub-23 e finalista no Estatal absoluto, Alex Barreirro, do Lugo Runing.

Comentarios