Todos contra a Ximnástica de Pontevedra no Campionato Xunta da Galiza de Atletismo

Celta e Ría Ferrol, principais candidatos a acabar co dominio do conxunto gañador nas categorías masculina e feminina o pasado ano 2022.
As atletas da Ximnástica son as grandes favoritas ao título. (Foto: Luis Tojal).
photo_camera As atletas da Ximnástica son as grandes favoritas ao título. (Foto: Luis Tojal).

Chegou a hora dunha das competicións máis importantes e dinámicas do calendario de probas atléticas, o Campionato  Xunta da Galiza de Clubs en Aire Libre. O certame terá lugar no Estadio Universitario de Compostela, que recobra novamente toda a súa capacidade de cara a unha proba que se desenvolverá integramente o sábado 22 de abril.

A esta cita acoden os catro primeiros clasificados por equipos do ano pasado, sendo a participación dos outros catro determinada polo estadillo de marcas. Á cabeza de todos eles parte a Sociedade Ximnástica de Pontevedra (SXP), que aspira a reeditar o triunfo logrado en ambas as categorías na pasada edición.

Xunto coa formación do Lérez, na modalidade masculina estarán Celta, Atletismo Santiago, Narón, Lucus Caixa Rural, Sada, Ourense Atletismo e Marineda Atlético. Na feminina, pola súa parte, acompañarán á SXP Ría Ferrol, Celta, Atletismo Santiago, Sada, Lucus Caixa Rural, Ourense Atletismo e Adas Cupa, que tratarán de por fin ao dominio pontevedrés.

Este torneo chega logo do debut dos equipos galegos na primeira xornada de Liga, tanto en División de Honra como en Primeira División, polo que servirá, ademáis de para coñecer os novos campións galegos, como test de cara aos dous encontros que restan de campionato.

Ría Ferrol e Ximnástica, os máis laureados

Na categoría feminina o equipo da División de Honra do Ría Ferrol é o conxunto que máis trofeos galegos acredita, cun total de 14, malia que desde o ano 2019 non conseguiu engordar esa cifra, xa que logo da parada obrigada en 2020 foi o Celta quen venceu en 2021 e a Ximnástica o pasado ano 2022.

Serán precisamente as vixentes campioas, xunto coas sempre favoritas ferrolás e as viguesas do Celta, quen manteñan unha loita pola supremacía do atletismo feminino galego na presente edición.

Entre os homes, é o Real Club Celta quen posúe un maior número de títulos, en concreto 13, sendo o último festexado polo cadro celeste o do 2018. O seu gran rival será, novamente, o equipo de División de Honra da Ximnástica de Pontevedra, dominador nas tres últimas edicións. Ademais, non hai que destacar unha sorpresa por parte de Atletismo Santiago.

Comentarios