Todo en orde en Riazor para o debut do Dépor en liga ante o Linense

Máis un ano, o equipo coruñés asume o papel de ser un dos máis grandes favoritos a conseguir o ascenso á segunda división do fútbol estatal.
Os xogadores do Deportivo durante un adestramento en Riazor (Foto: RC Deportivo).
photo_camera Os xogadores do Deportivo durante un adestramento en Riazor (Foto: RC Deportivo).

Non vai ser como querían, mais o Real Club Deportivo da Coruña debuta hoxe na Primeira RFEF ante a Real Balompédica Linense. Non vai ser como querían dado que na primeira xornada, o conxunto branquiazul non puido debutar despois de que o equipo contra o que debían competir, o Dux Internacional de Madrid, informase de que non sería quen de cumprir as exixencias necesarias para presentarse ao encontro ante a escuadra herculina.

Foi entón cando a federación decidiu comezar os trámites para desinscribir o equipo madrileño da competición. A pesar das repetidas peticións do Deportivo de aprazar a xornada para todos os equipos, o organismo federativo decidiu que non fose así e, por tanto, os de Borja Jiménez ficaron sen poder xogar.

Comezan as expectativas

Máis un ano, o equipo coruñés asume o papel de ser un dos máis grandes favoritos a conseguir o ascenso á segunda división do fútbol estatal. Porén, o primeiro exame ao que se enfronta o conxunto de Borja Jiménez, non é para nada fácil. O equipo andaluz, Real Balompédica Linense, vén de recoller un valioso punto contra o Real Madrid Castela nun partido en que souberon facer un fútbol moi intelixente construíndo sempre desde atrás e logrando descolocar un Castela que, ademais, xogaba na casa.

Destacou o equipo andaluz na primeira xornada por ter un dominio moi pronunciado da posesión do balón na segunda metade, algo que non era de esperar ante un Castela que, adestrado polo mítico ex xogador do Real Madrid, Raúl González, non soubo imporse nun partido no cal partían como os claros favoritos.

Adestramentos que suplen partidos

Acabarase por ver hoxe se non ter xogado na primeira xornada afecta a escuadra branquiazul. O que si se sabe, é que Borja Jiménez fixo todo o posíbel para que non sexa así. Desde o primeiro momento, o adestrador dos coruñeses decidiu suplir o partido a base de múltiples adestramentos para manter os xogadores motivados e preparados fisicamente.

A boa noticia para o Deportivo de Jiménez é que conta con practicamente todo o equipo para recibir en Riazor o Real Balompédica Linense.

comentarios