Todo ou nada para o Leyma ante o Xirona de Marc Gasol

Os laranxas precisan gañar para seguir con vida no 'play-off' de ascenso á Liga ACB.
O campión da NBA volverá ser a gran ameza da escuadra galega. (Foto: FEB)
photo_camera O campión da NBA volverá ser a gran ameza da escuadra galega. (Foto: FEB)

O soño do Leyma Básquet Coruña de unirse a Monbus Obradoiro de Compostela e Leite Río Breogán de Lugo na Liga ACB —a máxima categoría do baloncesto estatal— pasa por lograr si ou si un triunfo ante o Xirona no terceiro encontro de cuartos de final do play-off de ascenso.

Programado para as 20.30 horas desta quinta feira, o primeiro choque da eliminatoria en Riazor debe cimentar unha remontada case milagrosa, pois o Leyma ten que superar tres veces consecutivas os cataláns se queren acceder á seguinte rolda.

Afortunadamente, nesta ocasión o duelo terá lugar no forno de Riazor, onde o técnico laranxa, Sergio García, agarda lograr que os seus homes atopen "un mellor ritmo ofensivo" para achegarse aos seus números de anotación habituais, o que pensa que lle daría "moitas máis opcións de vitoria".

"Movernos en resultados de anotación baixos non é o camiño para nós, e para iso necesitamos defender ben, rebotear para poder poñerlle ritmo ao partido e atopar puntos fáciles que nos vaian dando confianza durante o partido e así tentar xogar menos veces situacións onde eles controlan moi ben desde a defensa, onde baixo o liderado de Marc Gasol é moi difícil atopar espazos", explicou.

En relación á situación do equipo, García comentou que tiña, "evidentemente, un obxectivo de resultados nos dous primeiros que non se conseguiu, polo que hai que focalizarse no partido de Riazor, ante a nosa xente, que vai ser un gran duelo no que trataremos de estar ao nivel das grandes actuacións que fixemos este ano, no noso campo especialmente, para conseguir unha vitoria fundamental".

Para rematar, e falando sobre o tipo de partido que agarda, o adestrador do conxunto coruñés dixo que "eles [Xirona] van tentar facer o mesmo que nos anteriores, porque lles funcionou ben, non tería moito sentido que busquen outra cousa, así que somos nós os que temos que tentar facer cousas diferentes para buscar un resultado diferente".

"Do que temos que ser conscientes é de que estamos a xogar uns play-offs, e hai que gozar ao mesmo tempo que sufrimos. Esta é a mellor parte do ano, e entre todos temos que empurrar aos xogadores para que fagan un gran partido", concluíu Sergio García, facendo un chamamento á afección.

Comentarios