Tirán saca peito nunha Kontxa que gañou Hondarribia con polémica incluída

A traiñeira de Gipuzkoa gañou a regata por eliminación de Urbaibai por un choque de remos. A representante de Galiza (Tirán) gañou a súa tanda cun segundo longo espectacular. En categoría feminina, Mecos foi cuarta nunha bandeira gañada por Zumaia  que puxo fin á hexemonía galega

traiñeiras
photo_camera Foto: EITB

A 118 edición da regata da Kontxa (para @s amantes do remo, o campionato do mundo das traiñeiras); foi para Hondarribia, vila que levaba desde 2005 sen mollar. Unha vitoria polémica como hai anos que non se vía nesta regata. Os de Gipuzkoa gañaron por descualificación de Urbaibai, pois foron os de Bermeo os que marcaron o mellor tempo. Mais un choque de remos entre Hondarribia e Urbaibai na rúa que lle corresponde á primeira, motivou a decisión. Nese momento o xuíz de mar non adoptou decisión, polo que os de Urdaibai chegaron ao peirao, finalizada a regata, celebrando a vitoria.

Mais Hondarribia reclamou, e os xuíces, reunidos na Casa do Concello de Donosti, debatiron, analizaron durante media hora, e tomaron a decisión de eliminar a Urdaibai. O que xerou momentos de gran tensión entre vogadores e tamén entre afeccións dos dous clubs implicados.

Tirán, “¡que bestias estos gallegos!”

Tirán fixo unha regata espectacular. Gañou a súa tanda, superando a Portugalete e remontando unha desvantaxe de 10 segundos. Unha fazaña que tivo eco entre os propios afeccionados vascos que nas redes sociais aplaudiron a regata de irán: “Que bestias los gallegos!”, comentaba unha seareira jarrillera (nome dado ás e aos de Portugalete).

Mecos, "esta tripulación ten futuro"

En categoría feminina, e despois de cinco anos consecutivos gañando na Kontxa, a bandeira non veu para Galiza. A traiñeira galega, Mecos, ficou cuarta nunha regata na que venceu Zumaia. Unha tripulación renovada, sen tempo para acoplarse... e que só competiu xunta en tres regatas son elementos a tr en conta para entender o posto que obtiveron as mecas.

De feito, adestrador e club sosteñen que para o ano outro será o cantar. Para entón, sosteñen, a tripulación galega estará acoplada e experimentada. “Esta é unha traiñeira con futuro”, apuntan.

Comentarios