Tirán remata cuarto en Portugalete e volve á Eusko Label Liga de traiñeiras

Os cinco puntos conseguidos tras vencer na regata de Bermeo foron decisivos para o regreso dos de Moaña á máxima competición do Cantábrico. 
tiran_LGT_A-Pobra
photo_camera Imaxe de arquivo da embarcación de Tirán (Nós Diario)

A embarcación galega de Tirán conseguiu o ascenso á Eusko Label Liga, a liga ACT, a máxima categoría de traiñeiras, tras a resolución do playoff na segunda e definitiva xornada desenvolvida o domingo en augas da ría do Nervión, en Portugalete. Ademais, a embarcación vasca de Zarautz logrou a permanencia na categoría.

Os azuis do Con, na parroquia de Tirán, Concello de Moaña, regresan á Liga ACT despois dunha brillante actuación nas dúas regatas de playoff, a primeira o sábado en Bermeo e a segunda o domingo en Portugalete.

Foron dúas disputadas contendas en dura competencia con Zarautz, que soubo defender a súa praza e seguir na Liga unha tempada máis. Tamén dura foi a competición cos seus veciños do Samertolaméu, que competiu como subcampión da Liga Galega, e con Pedreña e San Pedro que tamén alcanzaron praza nestes playoffs.

Na loita polo segundo billete en xogo, Tirán, que se impuxo en Bermeo, defendeu a súa posición aínda que non sen apuros. O bote de Moaña só puido ser cuarto por detrás de Pedreña, que dilapidou boa parte das súas opcións logo dunha defectuosa primeira manobra   en que o seu proeiro estivo a piques de caer á auga, e de San Pedro. Samertolameu ocupou a derradeira praza nesta regata.

Cinco puntos en Bermeo

Na xornada do sábado Tirán venceu nunha carreira apertadísima con Zarautz, que xa demostrara a súa categoría de grande equipo nas roldas clasificatorias da Concha, logrando a sétima posición, mentres que Samertolaméu e Tirán ficaran 13º e 14º, respectivamente. 

Mais en Bermeo, a embarcación de Tirán impoñíase conseguindo ─con afouteza─ cinco puntos que acabaron por ser decisivos en Portugalete.

Comentarios