Tirán mantén o tipo en augas de Orio nunha regata na que a ACT estrea novo líder

A traiñeira galega acaba quinta nunha regata na que os oriotarras atinxiron o liderato da ACT. Na liga galega, Meira segue imparábel e suma a súa terceira vitoria consecutiva

Traiñeiras en Portugalete
photo_camera Traiñeiras en Portugalete

Nova fin de semana de traiñeiras e nova vaga de emocións para quen goste do banco fixo e as bochas nas mans. Na Liga ACT, a Orio Kanpina finalizou con cambio de liderato, que pasa estar en mans de Orio, unha embarcación das históricas do remo vasco. Iso si, Kaiku, desprazado a segundo posto, ten os mesmos puntos que os oriotarrak, 91,polo que a ACT promete ser do máis intensa nas vindeiras regatas.

Nas augas da vila guipuscoana de Orio, onde tivo lugar a competición, a vitoria foi para a traiñeira de Hondarribia, que non deixou pasar por alto a oportunidade. Os até entón líderes da ACT, Kaiku, pagaron ben caro un erro na primeira ciaboga. Finalizaron cuartos.

Quintos na regata foi a embarcación galega na ACT, Tirán, que está a manter o tipo nunha competición do máis exixente. Mantéñense, ademais, quintos na táboa xeral, por diante de botes con renome coma os de San Juan ou San Pedro, así como o de Astillero.

David Álvarez, patrón da tripulación de Tirán, mantense unha semana máis coma o mellor patrón da ACT, un posto que conserva desde a primeira regata.

Meira e Ares

Na Liga Galega de Traiñeiras, tanto na categoría A como na B, foi un fin de semana de novas regatas. Na A, a embarcación de Meira volveu triunfar, desta volta en augas de Celeiro (Viveiro) co que xa suma tres triunfos consecutivos. A traiñeira de Meira encabeza, pois, a Liga-A, con dous puntos de ventaxe sobre Cabo da Cruz, a gran rival nesta temporada. A terceira praza é para Chapela.

A respecto da categoría B, Ares é a que lidera a táboa, con 45 puntos, 10 máis que Cabo de Cruz B. Terceira é a tripulación de Perillo.

Comentarios