Tirán agrada no inicio da Liga ACT de traiñeiras e deixa alto o pavillón galego

'Mar do Con', a embarcación de Moaña, finaliza sexta (e a 80 centésimas dun 4º posto) nunha regata con claro dominio da embarcación biscaíña de Urdaibai. O patrón de Tirán, David Álvarez, encabeza a clasificación de mellor patrón 

traiñeiras, remo, tirán

Comezou unha nova temporada da ACT, a Liga da Asociación de Clubs de Traiñeiras na que compiten embarcacións vascas (8 de 12), cántabras e unha galega, Mar do Con, de Tirán, cunha tripulación renovada en grande medida. A primeira regata tivo lugar, por esas cousas relacionadas coa promoción e a publicidade, en augas de Barcelona. Un lugar onde a cultura das traiñeiras é, simplemente, inexistente. Entre o público, quizás só Andoni Zubizarreta (o vasco actualmente director do Barça) entendese moi ben que facían aquelas doce embarcacións a vogar con forza baio un sol dos de esmagar.

Foi a primeira regata e xa varias cousas ficaron claras: Dominio abafante das embarcacións vascas, que coparon os cinco primeiros postos: Urdaibai, Kaiku, Orio, Hondarribia e San Pedro. As cántabras, que noutrora copaban podios (con Astillero á cabeza) semellan non telas todas consigo neste inicio de temporada.

Urbaibai gañou esta primeira regata con autoridade: Sacoulle 9 segundos ao segundo clasificado, Kaiku, e 13 ao terceiro, a Mirotza de Orio. Os de Bermeo, pois,puxeron sobre a mesa xa desde o principio, a súa candidatura para se meter no peto esta ACT.

Tirán, moi bo sabor de boca

Tirán ficou sexta, un papel máis que digno. De feito, estivo só a 80 centésimas de acabar cuarta. E, aliás, deixando moi bo sabor de boca. Os propios xornais vascos recoñecen que é a única embarcación da ACT que pode dar unha sorpresa ao podería de traiñeiras de Euskal Herria. Tirán é sexta, de doce, na claisificación, con 7 puntos. Un por baixo de San Pedro e a dous de Hondarribia.

O patrón da embarcación galega, David Pérez, vai na cabeza da clasificación de mellores patróns, por diante de Endika Pérez (traiñeira de San Juan) e Asier Zurinaga (Kaiku).


 

Comentarios