Teresa Portela fai historia e estará nos seus sextos Xogos Olímpicos

A galega sacou en Verducido o billete para Toquio
Tras finalizar sexta en Río 2016 e cuarta en Londres 2012, a padexeira soña co podio na cita xaponesa. (Foto: Europa Press).
photo_camera Tras finalizar sexta en Río 2016 e cuarta en Londres 2012, a padexeira soña co podio na cita xaponesa. (Foto: Europa Press).

A padexeira galega Teresa Portela impúxose na xornada de onte no selectivo estatal na categoría de K1 200 metros, que se disputou no encoro de Pontillón do Castro de Verducido (Pontevedra), logrando así a súa praza para os Xogos Olímpicos de Toquio 2021 e, ao mesmo tempo, tornando en lenda vivente do deporte por ser a deportista con máis participacións olímpicas en toda a historia do Estado español.

Portela gañara inicialmente o seu dereito a estar en Toquio hai máis de ano e medio, concretamente no Mundial de Hungría, onde obtivo a medalla de bronce, pero a pesar diso a Federación Española fíxolle participar neste selectivo, no que se impuxo con solvencia na final cun tempo de 42.292 segundos.

Tras ela finalizaron a asturiana Sara Ouzande, defendendo as cores do equipo galego Kaiak Tudense, cunha marca de 42.629 segundos; a castelán-leonesa Mirella Vázquez (Fresno Ribera), con 43.972; a tamén galega Lara Feijóo (Kaiak Tudense), con 44.17; a madrileña Elisa Zapata (Aranxuez), con 44.386; e a estremeña Teresa Tirado (Iuxtanam Mérida), con 45.882 segundos.

Desta modo, Portela, que celebrará o seu 39 aniversario o próximo mes de maio, participará na súa sexta edición dos Xogos. Desde o seu debut en  Sydney 2000, con 18 anos, foi quinta en Atenas 2004 e Pequín 2008, quedando ás portas do podio en Londres 2012 -cuarta- e sendo sexta en Río 2016.

Xa que logo, a de Cangas, gañadora de 15 medallas en Mundiais e 17 en Europeos, converterase na deportista do conxunto do Estado con máis participacións nos Xogos Olímpicos, superando as cinco de Arantxa Sánchez Vicario, María José Rienda e María Peláez, e igualando as dos homes Manel  Estiarte e Luís Álvarez  Cervera.

Toca pensar en Toquio

"Estou moi contenta de gañar este selectivo, que me dá a praza para poder participar nos Xogos Olímpicos de Toquio. É un día moi especial para min porque, unha vez que a conseguira no Mundial de 2019, sabía que podía soñar con participar nos meus sextos Xogos, e hoxe iso é unha realidade", sinalou tras lograr o obxectivo.

"Síntome moi agradecida por todas estas mostras de agarimo que me están chegando", engadiu a canguesa, quen lembrou que "xa toca pensar en Toquio porque non queda nada".

A noticia da súa fazaña levantou admiración e axiña comezou a recibir felicitacións como as do secretario xeral para o Deporte, Lete Lasa, que se congratulou dun "día histórico para Galiza, porque Teresa Portela vén de escribir unha das páxinas máis brillantes do deporte".

Campionato Galego en Castrelo de Miño

Sen deixar o piragüismo, o encoro de Castrelo de Miño acolle no día de hoxe o Campionato Galego de embarcacións dobres, onde participarán 448 deportistas pertencentes a 40 equipos. A competición, que comezará ás 10.30 horas, destinarase ás diferentes categorías de Veteranos e Veteranas, Senior e Xuvenís, puntuábeis para as clasificacións por equipos de mulleres e homes, e ten previsto estenderse até aproximadamente as 13.45 horas.

Os equipos con máis participantes nesta nova edición son o e EP Cidade de Pontevedra con 32, Naval de Pontevedra con 30, e xa despois séguenlle varios conxuntos con 22 deportistas para completar así unha elevada inscrición.

Comentarios