O Concello da Coruña non quere mulleres no 'Teresa Herrera'

O PPdG fai uso da súa maioría absoluta para vetar no pleno unha petición para que no torneo deste ano se incluíse, por vez primeira, un torneo con equipas de fútbol feminino

Teresa Herrera
photo_camera Teresa Herrera


"Considerando o principio de igualdade entre homes e mulleres, coma a igualdade de oportunidades, entendemos que é xa tempo de que o fútbol feminino sexa incluído no cartel do Teresa Herrera", transladoulle o grupo local de Compromiso por Galicia da Coruña ao Deportivo a través dunha carta que o secretario local, Xoán Antón Pérez-Lema, dirixiu ao presidente do clube, Augusto César Lendoiro. 

Porén, a reclamación desta formación política, que vén recoller unha petición da Asociación de xogadoras de fútbol e de Mudega --Mulleres deportistas galegas-- aparecía recollida de maneira literal nun rogo que o Bloque levou ao pleno do Concello da Coruña na primeira semana deste mes, e cuxo debate vetou o grupo municipal do PPdG.

O obxectivo era que o goberno local emprazase ao Deportivo a introducir o fútbol feminino no decano dos trofeos deste deporte na Galiza, que este ano fará 67 edicións e que non tomou en conta as mulleres futbolistas en ningunha delas. En virtude do convenio asinado entre o R.C.Deportivo e o Concello da Coruña o 7 de agosto do ano 2000, unha comisión de seguimento composta por representantes das devanditas entidades é a que ten a competencia de decidir que equipas disputan o trofeo. Neste órgano, o Concello podería propor que, paralelamente ao torneo masculino, se realizase tamén un Teresa Herrera feminino. 

Comentarios