O Teresa Herrera celebra un 75 aniversario de perfil baixo

A Ponferradina xogará co Dépor o 8 de agosto
Sevilla e Helsingborgs, noutra gris edición do torneo decano (1954). (Foto: Nós Diario).
photo_camera Sevilla e Helsingborgs, noutra gris edición do torneo decano (1954). (Foto: Nós Diario).

O Trofeo Teresa Herrera, decano dos torneos de verán, volverá disputarse neste 2021 nas súas datas habituais do mes de agosto, logo da edición de circunstancias condicionada pola pandemia que enfrontou o Deportivo e un combinado de futbolistas afeccionados da Coruña no pasado mes de decembro de 2020.

Lamentabelmente, nin sequera o feito da celebración das súas vodas de brillantes (1946-2021) trouxo consigo algo do vello esplendor que chegou a ter o torneo,

Isto contrasta cos fastos desenvolvidos en 1995 co gallo das vodas de ouro, que reuniron na Coruña o Súper Dépor de Fran, Bebeto e Mauro Silva cun Real Madrid que viña de gañar a Liga da man de Redondo, Raúl e Laudrup; o Benfica de João Pinto ou Michel Preud’homme (Premio Lev Yashin ao mellor porteiro do Mundial de Estados Unidos 1994) e un Flamengo que se presentou na cidade herculina co seu famoso Ataque dos sonhos, composto por Sávio, o 'Animal' Edmundo e Romário, ao que a saudade devolvera a Río de Xaneiro despois de sete anos en Europa.  

Ademais, nesa edición o Teresa Herrera contou cun trofeo conmemorativo, deseñado por Eladio Muíños, que era unha auténtica obra de arte composta por 7,5 quilos de ouro e 23 de prata que simbolizaba a evolución do torneo, representando unha Torre de Hércules saíndo do interior dunha gran copa de catro asas, todo iso sobre unha base composta por unhas rochas de ouro que mostraban as pedras da praia de Riazor.

Este ano, polo contrario, o conto é ben diferente, pois o conxunto anfitrión milita na Primeira RFEF, a terceira categoría do fútbol, e o seu rival, a Sociedade Deportiva Ponferradina, non mostra un nivel moi superior, pois está na Segunda División e nunca na súa historia puxo un pé na Primeira.

O encontro, previsto para o domingo día 8 de agosto ás 20 horas, será a conclusión dunha xornada que comezará xa ás 15.30 da tarde co tradicional Mini Teresa Herrera, que alcanza a súa XXV edición, e no que competirán polo título Ural e Calasanz na categoría Pre-Benxamín e de novo o Ural contra o Dépor na Benxamín.

Nada máis acabar, ás 17.30, será a quenda das mulleres do Deportivo Abanca, que xogarán contra o Valadares Gaia portugués para facerse co IX Teresa Herrera feminino. 

Comentarios