A Terceira Galega regresa a medio gas

O grupo primeiro da Terceira RFEF, na que militan todos os equipos da Galiza, regresou logo de que a Federación adiase por completo a xornada anterior. Porén, esa volta foi a medias, pois tres dos oito partidos previstos tiveron que ser pospostos a última hora a causa dos casos positivos en Covid que os tests continúan a detectar.
O Choco-Polvorín caeu do lado do equipo local por un resultado de 2-1. (Foto: Choco).
photo_camera O Choco-Polvorín caeu do lado do equipo local por un resultado de 2-1. (Foto: Choco).

Nunha xornada na que todo o protagonismo recaeu na Terceira Galega -a quinta división- logo do adiamento das catro principais categorías do fútbol estatal pola disputa da Supercopa de España en Arabia Saudita, finalmente foron cinco os encontros que se puideron levar a cabo pois tres dos previstos (Ourense-Viveiro, Barco-Estradense e Ponteareas-Rápido de Bouzas) foron adiados a última hora dados os casos positivos en Covid-19 detectados no último momento.

Os partidos que si se puideron xogar foron o Alondras-Silva (0-2), Sofán-Rácing Vilalbés (1-2), Chocho-Polvorín (2-1), Fabril-Noia (0-0) e Somozas-Arnoia (2-1), e en todos eles os xogadores notaron nas pernas a lóxica inactividade logo dun mes sen disputar un só partido oficial. 

Triunfo celeste no derbi galego xuvenil

O sorteo dos dezaseisavos da Copa xuvenil deparou un derbi galego entre Celta e Deportivo que caeu do lado duns vigueses (2-1) que avanzan á seguinte fase do torneo do KO. Nun choque que seguiu un guión moi similar ao ligueiro que disputaron o pasado 21 de novembro, os rapaces branquiazuis conseguiron adiantarse da man de Nájera no minuto 20. Porén, logo do descanso a escuadra olívica tomou o control do encontro, igualando o marcador no 70 logo de que Aitor Mañas completase unha gran xogada individual de Antañón. 

Finalizado o tempo regulamentario, a prórroga decidiu o derbi a prol dos locais, pois o prometedor mediapunta Hugo Álvarez materializou no minuto 100 o definitivo tanto da vitoria dun Celta xuvenil que xa agarda rival nos oitavos de final. 

As futbolistas do feminino salvan a honra branquiazul

Non obstante, o tropezo da rapazada herculina non desluciu o triunfo do Deportivo Abanca ante o Club Deportivo Pradejón (0-2), éxito que tivo a recompensa engadida do liderado na Reto Iberdrola, segunda categoría a nivel estatal.

As mulleres dirixidas por Miguel Llorente sobrepuxéronse a uns minutos iniciais de constante asedio rioxano até certificar un sólido pero traballado triunfo que tivo como principal peculiaridade o feito de que o preparador madrileño apostou por non realizar ningunha substitución, algo moi pouco habitual no fútbol contemporáneo.

Comentarios