A Terceira Galega, protagonista no fútbol

A ausencia das catro principais categorías desvía o foco de atención
A Covid-19 provocou que o Silva da Coruña participe mañá ante o Alondras (16.30 horas) no seu primeiro partido en máis dun mes. (Foto: Club Silva SD).
photo_camera A Covid-19 provocou que o Silva da Coruña participe o domingo no seu primeiro partido en máis dun mes. (Foto: Club Silva SD)

A disputa da Supercopa desde mediados de semana en terras de Arabia Saudita por parte de Real Madrid, Barcelona, Atlético de Madrid e Athletic de Bilbao trouxo consigo a suspensión das catro principais categorías do fútbol a nivel estatal: Primeira División, Segunda División, Primeira RFEF e Segunda RFEF.

Iso significa que todo o protagonismo recae na Terceira Galega, nunha xornada moi especial para ela tamén porque supón o seu regreso aos terreos de xogo logo de que a Xuíza de Competición determinase a suspensión da totalidade dos encontros que tiñan previsto levarse a cabo a fin de semana pasada a causa do exponencial aumento de casos positivos nos distintos equipos.

Así, os primeiros en pisar un terreo de xogo neste 2022 serán Ourense e Viveiro, nun choque previsto para as 16.30 horas deste sábado no Estadio do Couto e no que os visitantes aínda non poderán contar coa súa última incorporación, o dianteiro camerunés Félix Chenkam, que foi presentado onte e que chega procedente do Puerto Genil.

Media hora máis tarde, ás 17, comezarán tres partidos máis: Somozas-Atlético Arnoia, Choco-Polvorín e Noia contra Fabril, filial dun Deportivo da Coruña que aproveitará esta parada no calendario para xogar un amigábel (sábado, 11 horas) contra a Ponferradina, quinto clasificado na Segunda División e ante o que caeu derrotado recentemente (1-2) na última edición dun Trofeo Teresa Herrera que viaxou até o Bierzo por vez primeira.

O Silva volve competir despois dun mes de ausencia

O domingo o Sofán-Racing Vilalbés abre o programa deportivo ás 16 horas, collendo a remuda ás 16.30 horas o Alondras-Silva. Este encontro conta co atractivo especial de ver á escuadra coruñesa -novena clasificada a pesar de disputar até dous partidos menos que os seus rivais- pisar o céspede logo de máis dun mes de ausencia debido á Covid-19.

E para fechar a xornada, ás 17 horas arrancarán o Xuvenil de Ponteareas-Rápido de Bouzas e o Barco-Estradense, club que ambiciona o triunfo non só polos puntos, senón para dedicarllo ao seu presidente, que perdeu o seu pai a semana pasada.

'O noso derbi' volve na Copa xuvenil

Volve 'O noso derbi', pero na súa versión en miniatura, pois os equipos xuvenís de Celta de Vigo e Deportivo da Coruña colisionarán o domingo ás 12 horas co gallo da disputa dos dezaseisavos de final da Copa.

O sorteo, levado a cabo na sede da Real Federación Española de Fútbol (RFEF) en Madrid ,estivo condicionado pola proximidade xeográfica, polo que este duelo era unha opción máis que plausíbel.

Coa eliminatoria programada a partido único, a escuadra olívica exercerá de local debido á súa mellor clasificación na táboa da liga de División de Honra, que encabeza con 47 puntos en 17 partidos nos que aínda non coñeceu a derrota. 

Esa condición de local, unida ao seu excelente desempeño até o momento na competición da regularidade e á presenza de nomes tan potentes como Pablo Meixús, Hugo Sotelo, Martín conde ou Hugo Álvarez -algúns dos cales mesmo xa debutou co primeiro equipo- fan dos celestes os favoritos, pero non cabe descartar un triunfo dun Deportivo que é segundo na Liga e que tamén conta con futbolistas de máximo nivel.

Comentarios