O tenis de mesa galego, único deporte ao que non afectou a pandemia, reúnese en Zas

A Federación Galega de Tenis de Mesa (FGTN) organiza do 5 ao 8 de novembro no municipio de Zas o Campionato Pre-Estatal deste deporte. As características desta disciplina evitaron a suspensión das competicións no noso país.
Encontro de tecnificación de tenis de mesa en novembro (Oroso TM)
photo_camera Encontro de tecnificación de tenis de mesa en novembro (Foto: Oroso TM)

O concello de Zas acollerá do 5 ao 8 de decembro o Campionato Pre-Estatal de Tenis de Mesa organizado pola Federación galega deste deporte (FGTM). En edicións anteriores recibía o nome de "torneo zonal" e tiña lugar na Galiza, mais con participación de Euskal Herria, Asturies e Castela-León. As dificultades de mobilidade, froito da pandemia da Covid-19, levou á federación estatal a mudar e, desta vez, o evento contará só con deportistas da Galiza.

Entre as posibilidades de clasificación para as diferentes categorías, a FGTM decidiuse por un campionato pola situación de relativa normalidade que vive este deporte no noso país.

O evento terá que respectar os protocolos das federacións estatal e galega, así como as da Xunta da Galiza e as propias do concello. Participarán 164 xogadoras e xogadores das categorías benxamín, alevín, infantil, xuvenil, sénior e veterano, incluídas as persoas discapacitadas. A clasificación final permitirá o acceso directo ao campionato estatal que aínda non ten data de realización.

O deporte que menos padeceu a pandemia

O tenis de mesa foi, na Galiza, dos poucos deportes que non padeceu as restricións pola emerxencia sanitaria. Agora mesmo disputan a terceira división estatal, a primeira e a segunda división galega masculina ademais de comezar en breve a segunda división feminina. Nas ligas galegas contan con nove grupos de dez equipos cada unha e xogaron todas as xornadas menos unha, que coincidiu co fechamento perimetral.

"Non houbo ningunha incidencia neste deporte no que levamos de competición este ano", asegura a Nós Diario Enrique Barreiro, tesoureiro da FGTM e presidente do Club Cambados. A razón explícase polas súas propias características. "A mesa ten unha lonxitude de 2,74 metros e sempre haberá distanciamento", explica. Por esta mesma razón tampouco empregan máscara.

Centro de alto rendemento e axudas

Desde a FGTM lamentan que Galiza sexa o único territorio do Estado que non conta cun centro de alto rendemento para este deporte polo que os bos resultados nas categorías de base non teñen continuídade. Nuria Castro, presidenta do Oroso TM vai máis alá e pide máis apoio aos clubs. "Galiza sempre foi unha potencia e é importante que axuden ás nosas entidades", indica a Nós Diario. No seu caso malia os éxitos deportivos desde a súa creación non contan co apoio económico doutros deportes e mesmo tiveron que renunciar á categoría. "Non somos un deporte mediático", sentenza.

Comentarios