O tenis, ese gran descoñecido na Galiza

Os recentes triunfos da vilagarciá Jessica Bouzas devolveron ao deporte do tenis unha atención que non recibía desde a retirada de Lourdes Domínguez a finais de 2016, a pesar de que se trata dunha das disciplinas con máis prédica en territorio galego.
O Club de Tenis CDL (na imaxe) vén de fechar na pasada fin de semana o seu ascenso á Segunda do campionato Interclubs. (Foto: CDT Lugo).
photo_camera O Club de Tenis CDL (na imaxe) vén de fechar na pasada fin de semana o seu ascenso á Segunda do campionato Interclubs. (Foto: CDT Lugo).

O tenis, en non poucas ocasións, é un deporte que na Galiza pasa por baixo do radar, quizais pola ausencia dunha gran figura mediática propia ou opacado por outras modalidades incluso menos populares, pois na Galiza, e con datos previos á pandemia da Covid-19, máis de 4.000 persoas o practican de modo federado, ao que habería que engadir un número indeterminado pero superior que xogan e aprenden esta histórica disciplina nalgunha das escolas ou clubs repartidos por toda a xeografía galega.

Un deles é o Club de Tenis Cidade de Lugo, rebautizado neste 2021 como Clube de Tenis CDL, que desde o ano 2000 é un referente no deporte da raqueta na terra do mellor tenista masculino galego de todos os tempos, Óscar Burrieza, quen chegou ao posto número 126 do mundo no ránking da ATP e conquistou até oito títulos individuais.

Lonxe da imaxe elitista que en ocasións pode transmitir un deporte que "eu de cativo xogaba atando unha corda entre dous farois", como lembra para Nós Diario entre risos o portavoz do club, Saúl Vérez, para practicalo só é necesario "ter ganas".

"Nós entendemos que para xogar ao tenis só hai que querer, non é difícil pasalo ben. De feito, e a pesar de que hai xente que se queixa de que non hai infraestrutura abondo ou de que esta non está no mellor dos estados, cremos que a situación do tenis na Galiza é moi positiva, e máis aquí en Lugo, como demostra o feito de que parte dos mellores xogadores galegos sexan de aquí e que existan varios clubs moi potentes, como o das Termas, no que aprenden máis de 200 rapaces e rapazas", apunta.

Asemade, Vérez incide en que, a pesar de exixir "moito traballo", o tenis é un deporte no que "é moi fácil pasalo ben", e pon como exemplo o seu propio club, que "non é máis que unha ferramenta para divertirse competindo, pois non deixamos de ser un grupo de amigos que nos xuntamos para facer o que máis nos gusta". 

A competencia co mundo do pádel

A pesar de que desde o mundo do tenis se lanza repetidamente a mensaxe de que o pádel, un deporte primo irmán do tenis, "non é competencia, senón complementario" -en palabras do presidente da Real Federación Española de Tenis (RFET), o certo é que é innegábel que ten existido certo nivel de transición de xogadores de tenis ao puxante pádel, especialmente desde a súa popularización a inicios deste século.

Para Saúl Vérez ese proceso é algo lóxico, pois "o pádel é un deporte que permite visibilizar resultados óptimos en moi pouco tempo, por iso tivo tanta aceptación, mentres que no tenis tes que traballar moito máis para alcanzar un nivel no que te divirtas".

Non obstante, maniféstase na mesma liña que o responsábel da RFET ao considerar que o pádel non ten porque ser un rival do tenis. "Os que xogamos a tenis dicimos que no pádel nos aburrimos, mais o que pasa é que non se pode negar que existe xente que se cambiou porque se no noso deporte xa tes un nivel medio, no pádel non é complicado que sexas 'top", engade.

Comentarios