O tempo deportivo: nubes e claros no fútbol galego

A xornada ligueira deixou sensacións ben diferentes entre os equipos galegos das principais ligas do fútbol. Así, se Celta e Dépor continúan medrando, tanto o xogo como os resultados Lugo decaen até o punto de que o único representante do país na Segunda xa está a só dous puntos do descenso.
Iago Aspas demostrou ante o Barcelona que, aos seus 34 anos, aínda ten moita gasolina no tanque.(Foto: La Liga).
photo_camera Iago Aspas demostrou ante o Barcelona que, aos seus 34 anos, aínda ten moita gasolina no tanque.(Foto: La Liga).

No país do fútbol nunca chove a gusto de todos, e menos cando, como diría Pemán, temos tempo de nubes e claros. Porque o sol brilla en Vigo e na Coruña, pero  unha borrasca ameaza con asolagar o Club Deportivo Lugo.

O conxunto celeste, a pesar de que continúa na zona baixa cun mínimo colchón dun só punto sobre os postos de descenso, afronta os seus vindeiros compromisos co optimismo que confire ser quen de remontarlle un 3-0 a todo un Fútbol Club Barcelona para asinar un 3-3 final. Ante os Ansu Fati, Memphis, Busquets, De Jong e compañía os do Chacho Coudet impartiron unha clase maxistral sobre o potencial dun equipo que, se logra correxir os seus dous males endémicos -a falta de gol e uns puntuais pero gravísimos erros defensivos- debería estar pelexando por cotas moito máis altas.

Ben deferente é a situación en Lugo, onde o único representante da Galiza na Segunda División volveu perder, nesta ocasión na casa ante a Ponferradina (1-2). Os de Rubén Albés finalizan así o maratón de catro partidos no que se viron inmersos nos últimos 15 días cun pésimo balance de dous puntos de doce posíbeis. A escusa do cansazo -empregada por Josep Señé tras o tropezo cos de Ponferrada, xa non terá validez a partir da próxima semana, onde os da Cidade da Muralla están obrigados a superar o penúltimo clasificado, Amorebieta, se non queren caer na zona de descenso

O Deportivo, máis líder

En contraste cos albivermellos, o Deportivo da Coruña é o vivo exemplo da solidez. Con tan só cinco goles en contra en 11 partidos, os herculinos lograron no campo da Unión Deportiva Logroñés (0-1) un triunfo que vale moito máis que tres puntos, pois ademais de consolidalos na cabeza da táboa serviu de golpe de autoridade ante un dos mellores locais da Primeira RFEF.

Non obstante, e curiosamente, o Dépor debe estar agradecido ao traballo do filial do Celta, que conseguiu rañar un empate (1-1)na casa de Unionistas, escuadra que até o domingo compartía liderado cos branquiazuis.

Con este resultado os celestes quedan empatados a 15 puntos na clasificación co terceiro equipo galego da categoría, o Rácing de Ferrol, que perdeu 0-2 ante o outro conxunto de Logroño, a Sociedade Deportiva. Nun mal partido dos Diaños Verdes, Soberón e Pascual nos minutos 13 e 46 sentenciaron o Rácing.

Comentarios