venres 28/01/22

Tempada 2015 de traiñeiras: adeus Esteiro, ola Mera, que tal, Castropol?

17 traiñeiras competirán nas dúas categorías da Liga Galega na vindeira edición -cheiña de novidades-, ademais das tres que se baterán na ACT con embarcacións vascas e cántabras.

Aínda fallan uns meses para que arranque oficialmente a tempada de traiñeiras mais as novidades -boas e malas- non paran de se producir, sobre todo no que atinxe á Liga Galega (LGT). Esta manterá as dúas categorías, A e B, con oito embarcacións a competir na A e nove na B, segundo avanzou o presidente da Liga, Francisco Romero. En total, 17 traiñeiras. Entre elas, novidades como a de Mera (‘A Mariñeira’), un porto que volve ter traiñeira a competir tras case 50 anos. Ou a asturiana de Castropol, que solicitou competir na Liga Galega.

No lado das despedidas está a traiñeira de Esteiro, a Esteirana, que esta tempada non competirá por falla de remeiros. Unha das embarcacións clásicas destes últimos 20 anos que ten que, agardemos que só momentaneamente, pousar os remos. Esteiro é unha localidade cunha gran tradición e afección polas traiñeiras, e unha rivalidade cos veciños de Muros sobre as augas.

O prazo de inscrición na LGT está aberto até o 10 de xaneiro. Na categoría A en principio competirán Amegrove, Bueu, Mugardos, Ares, Coruxo, Pobra, Salgado-Perillo e Vilaxoán. A gañadora das últimas tempadas nesta categoría, Meira, ascendeu á ACT.

E na LGT-B previsibelmente bateranse sobre as augas as ‘principiantes’ Mera e Castropol canda Cesantes, Chapela, A Cabana-Ferrol, Cabo de Cruz, Mecos, Vila de Cangas e Rianxo.

Tirán, Cabo de Cruz e Samertolameu son as tres traiñeiras que competiron na LGT feminina en 2014 e se espera que tamén o fagan na nova temporada.

A por todas

E na Liga ACT ou San Miguel hai tres representantes galegas entre as 12 traiñeiras que van competir nesta liga de ouro do remo en banco fixo: Cabo de Cruz, Tirán e Meira. 

A información galega está na túa man!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

Tempada 2015 de traiñeiras: adeus Esteiro, ola Mera, que tal, Castropol?
comentarios