Entrevista a Aleixandre Sanmartín

"Temos que rachar coa ditadura do fútbol"

AleixandreSanmartín1
photo_camera Aleixandre Sanmartín

Alexandre Sanmartín "Jano" é o seleccionador da equipa masculina de fútbol gaélico da selección galega. Este deporte de orixe irlandesa vén collendo popularidade na Galiza desde xa fai uns anos.

-Como avalías o estado actual do deporte galego?
-O estado actual do deporte galego é totalmente precario. Hai unha falta total de axuda e colaboración co deporte de base, en instalacións, medios e tamén carencia absoluta con respecto ao apoio a deportes máis minoritarios e particularmente ao feminino. A aposta clara das institución vai encamiñada aos deportes de masas principalmente ao fútbol masculino. Non é algo novo, é algo que levamos arrastrando moito tempo o cal obriga a moitas e moitos deportistas a emigrar ou a abandonar as súas disciplinas. 

-Que evolución agardas do deporte galego a cinco anos vista?
-Non son demasiado optimista, penso que non vai mudar a curto ou medio prazo, oxalá que me equivoque. Ademais e como acontece noutros ámbitos a crise sistémica que vivimos fai que sexamos “os de sempre” os que paguemos a súa ineficacia. Temos que rachar dende xa coa ditadura do fútbol e apostar de verdade polas nosas e os nosos deportistas.


-Que esperas de Sermos nos próximos cinco anos e en que cres que debemos e/ou podemos mellorar?
Espero que siga apostando polos deportes minoritarios e dándolles visibilidade e  incluso que se poida incrementar con colaboracións de xente vinculada a estes.