luns 25.05.2020

Tecnoloxía e enxeño: así adestran as profesionais nos tempos do coronavirus

Cando comeza a terceira semana de confinamento, os distintos equipos afrontan o reto de manter motivados e en forma ás súas deportistas para cando se produza o anhelado regreso á competición.

Xogadoras do BM Porriño (Foto: BM Porriño).
Xogadoras do BM Porriño (Foto: BM Porriño).

A pesar de levar dúas semanas de confinamento, os clubes deportistas profesionais e non profesionais de todo o país non paran os seus exercicios de adestramento. Con enxeño, tecnoloxía e adaptación, agrupacións como o Club Balonmán Porriño continúan o seu traballo cotiá. Esta semana, en concreto, orientaron os obxectivos a aspectos diferentes aos da semana pasada, onde o principal fin era o traballo cardiovascular.

“Intentamos que o traballo físico non se volva cousa de rutina, porque moitas das xogadoras contan con pouco espazo para realizalo, e usamos os sábados para incluír actividades nas que podamos desenvolver tamén os aspecto socio-afectivos do grupo”, apunta Ana Alonso, preparadora física do club.

Co obxectivo de orientar as actividades cara o traballo aeróbico –fundamental para non gañar quilos-, ao longo da semana os da Louriña adestraron dunha forma moi similar á anterior, alternando adestramentos de forza, a través de rutinas xa preparadas, xunto cos adestramentos conxuntos a través da plataforma  online Zoom, moi empregada polas súas particulares características por diferentes equipos nestes tempos de confinamento.

Ademais, o sábado, e como ven sendo habitual na planificación do Club Balonmano Porriño, organizaron unha actividade diferente ao resto da semana, esta vez orientada cara ao traballo lúdico. Así, desenvolveron unha partida a un Xogo da Oca moi particular á que denominaron A PorriOca, no que, por equipos, as participantes tiveron que completar retos, probas sorpresas, de resistencia ou de forza.

Segundo Ana Alonso, todas estas tarefas contribúen “a manternos unidas e formar parte dun todo, que ao final, e aínda que nestes días sexa difícil, supón o feito de practicar un deporte en equipo”.

Ao longo desta semana buscarán prolongar esta dinámica que levaron até o de agora, mais buscando novos obxectivos a cumprir e con novas actividades.

comentarios