O Team Farto, convidado á Volta a España

O primeiro e único equipo UCI feminino galego tamén estará na Klasikoa.
team-farto_FotoEquiporeVolta
photo_camera Integrantes do club pontevedrés, en marzo na Volta a Catalunya (Foto: Team Farto)

O primeiro e único equipo UCI feminino da historia da Galiza, o Team Farto-BTC, foi oficialmente convidado a participar na Ceratizit Challenge by La Vuelta (a Volta a España feminina).

A organización da rolda por etapas, unha das máis prestixiosas do mundo, confirmou esta semana a participación do conxunto galego na edición de 2021 xunto aos mellores equipos ciclistas do mundo.

O Team Farto-BTC, ademais, foi convidado tamén á prestixiosa Clásica San Sebastián-Donostiako Klasikoa, de división World Tour (competición de máxima categoría mundial), co que o equipo UCI galego debutará nesta categoría o próximo 31 de xullo no seu primeiro ano como profesional.

Un total de 24 equipos foron seleccionados para competir na Volta a España feminina. Os nove equipos de primeira división mundial e os seis mellores clasificados da segunda división mundial teñen acceso directo á competición. Ás outras nove prazas aspiraban máis de 50 equipos de todo o mundo, e o Team Farto-BTC conseguiu acceder a unha invitación.

A Challenge disputarase en catro etapas, entre o 2 e o 5 de setembro, e terá lugar integramente en territorio galego, con tres días nos arredores de Manzaneda e unha etapa final que sairá das Pontes e chegará a Santiago de Compostela. 

"Logro moi difícil"

"Estamos cheos de orgullo e ilusión por estas invitacións", afirmou Brais Dacal, director xeral do equipo. "É moi difícil que te conviden ao World Tour no teu primeiro ano en categoría profesional, e non só imos correr por partida dobre, senón que ademais en dúas carreiras de tanto prestixio como La Vuelta e a Klasikoa", sinalou Dacal.

"Os convites son un reflexo e unha recompensa ao bo traballo que levamos feito este ano. Agardo que chegar ao World Tour nos abra moitas portas, en todos os sentidos. Estamos a competir no máis alto do ciclismo mundial e temos que continuar loitando por medrar, deportiva e economicamente".

Pola súa banda, Abel Farto, presidente do club, mostrouse convencido de que "é unha enorme oportunidade que gañamos a pulso e que nos vai levar moi lonxe".

Por outra banda, no equipo masculino, o sub-23 pontevedrés Guillermo García Janeiro subiu a profesionais, fichando polo equipo portugués Efapel.

Comentarios