Tania Fernández e Diego Romero, sen rivais no galego de inverno

As piraguas voltaron a Castrelo de Miño. Esta fin de semana tivo lugar nas augas  do seu encoro o Campionato de Inverno 2022.

No podio de kaiak quedou primeira Tania Álvarez, seguida de Leticia Piña e Araceli Menduiña (Foto: Federación Galega de Piragüismo).
photo_camera No podio de kaiak quedou primeira Tania Álvarez, seguida de Leticia Piña e Araceli Menduiña (Foto: Federación Galega de Piragüismo).

A tempada galega de piragüismo comezou esta fin de semana co Campionato de Inverno 2022 que tivo como escenario o encoro de Castrelo de Miño. Sobre unha distancia de 5.000 metros disputáronse as categorías Xuvenil, Sénior e Veterano.

Os resultados confirmaron o bo momento que pasa este deporte acuático. Un exemplo foi a actuación de Diego Romero, do Breogán do Grove, que repite por oitava vez un primeiro posto acadando o título de campión de inverno en C1 sénior por diante do seu compañeiro de equipo Tono Campos e Fernando Busto que viste a camiseta da formación As Torres Romaría Viquinga.

A mesma sorte tivo María da Pena do E. P. Cidade de Pontevedra levándose a vitoria na individual feminina de canoa, o segundo posto sería para Jenifer Casal tamén do conxunto pontevedrés, mentres que Carla Sieiro, do Piragüismo Poio, foi terceira. 

Xa nos kaiak sénior masculino, a vitoria foi para o padeeiro tudense do Piragüismo Olívico Iván Alonso, despois de superar nun esprinte a Joaquín Iglesias do Piragüismo Verducido, e deixar en terceiro lugar ao deportista do Club de Mar Ría de Aldán, Diego Dacosta.

Na competición feminina de kaiak, Tania Álvarez, do Breogán, gañaba a súa carreira con solvencia, nun podio no que tamén estiveron Leticia Piña do Kaiak Tudense e Araceli  Menduiña do Ría de Aldán. 

Categoría Sub-23

A categoría Sub 23, cun alto nivel de participación, deixou como vencedores a Manuel Fontán, canoista do Náutico O Muiño na proba de C1; o segundo e terceiro lugar do podio ocupárono Diego Domínguez do Breogán e Jaime Duro do E. P. Cidade de Pontevedra. No apartado feminino, María Pérez do Náutico O  Muiño gañou con claridade aos seus rivais en C1. Por detrás da padeeira de Ribadumia, cruzaban a liña de chegada Lucía Graña do E. P. Cidade de Pontevedra e Cristina Soutelo do Kaiak Tudense. 

En kaiak, Irene Latexe, do Ría de Betanzos, lograba o triunfo por diante de Lara Feijoo e Lucía Soutelo do Kaiak Tudense que chegaban en segundo e terceiro lugar. O Naval de Pontevedra tería como protagonistas a Felipe Dobarro e Manuel Rivas na regata de kaiak, ambos disputáronse o triunfo nun duro esprinte que gañou Dobarro, o terceiro na meta sería David da Rocha do Kaiak Tudense. 

Categoría xuvenil e veterana

Na xuvenil, Martín López. do Cabanas KDM, levou o ouro por diante de Mauro Domínguez do Piragüismo Verducido e Iker Veiga do Náutico Firrete. Pedro Torrado, do club As Torres, gañou na modalidade de canoa por diante de Mauro Pardavila, do Náutico Rodeira, e David Bautista do E. P. Cidade de Pontevedra. Pola súa banda Antía Landeira do Naval de Pontevedra venceu en kaiak feminino, a padeeira do Verducido Ánxela Fontán foi segunda e en terceiro lugar chegaba Uxía Rodríguez do Kaiak Tudense.

En canoa feminina os dous primeiros postos foron para Valeria Oliveira e María Rodríguez do Piragüismo Poio, mentres que Noa Conde do E. P. Cidade de Pontevedra sería terceira.

Na categoría veterana salientar as vitorias de Adrián Jubón (Fluvial de Lugo) e Yaiza Iglesias (Kaiak Vigo). Por último, Marcos Terzado, do Vilaboa, gañou en sénior de Paracanoe e Gloria Cousillas, do Fluvial Avión, en sénior, e Xoana Raimúndez, do Vilaboa, en Sub 23.

Comentarios