O taekwondoin galego Iván García gaña a ouro no Open de Turquía

Arlet Ortiz, eliminada por dar positivo en Covid-19
Os medallistas galegos en Sofía (Foto: Fegata).
photo_camera Os medallistas galegos en Sofía (Foto: Fegata).

Continúa a semana fantástica do taekwondo galego. Apenas cinco días despois de que no Open de Sofía (Bulgaria) Iván García se fixera coa medalla de prata, e tanto Pablo Patiño como Tania Castiñeira coas de bronce nas súas respectivas categorías, o primeiro logrou subir ao máis alto do caixón no Open de Tuquía que se está a desenvolver en Estambul.

A competición do taekwondoin do Mat's comezou ante o local Muhammet Cetinkaya, ao que superou con bastante facilidade nun combate sinxelo para o deportista galego.

Porén xa na segunda rolda tivo que empregarse ben a fondo ante un rival moi complicado, o subcampión olímpico en Londres 2012 e medallista mundial Anthony Mylann Obame.

Afortunadamente, Iván García dominou o intenso combate en todo momento, logrando un importante triunfo que xa o colocaba nas semifinais.

Alí tivo que superar de novo outro duro competidor, o polaco Mikolaj Szaferski, que se impuxera ao galego no seu último enfrontamento, en Alemaña durante o pasado ano 2020. Pero esta vez cambiou o conto, e o deportista do Mat's venceu por 18-10.

Na final agardaba Radik Isaev, ouro olímpico en Río e campión do mundo. Foi un combate moi completo, tenso e emocionante ante un rival de calidade similar, pero novamente Iván soubo ler perfectamente o escenario e lograr un triunfo moi importante (15-10), adxudicándose non só o ouro no Open de Turquía, senón uns puntos moi valiosos na clasificación do ránking mundial, onde suma xa 16.

A nota amarga do concurso protagonizouna a marinense Arlet Ortiz, quen logo de superar dúas roldas, e cando ía disputar os cuartos, tivo que abandonar no medio da competición ao comunicarlle a organización que dera positivo en Covid-19. 

Comentarios