Táboas nun duelo moi táctico en Riazor, con Dépor e Lugo facendo de si proprios

Foi un duelo moi táctico, un choque de treinadores (0-0). Na primeira metade con cor branca azul. Na segunda, con claro dominio branco vermello. O Deportivo fixo de Deportivo e o Lugo, de Lugo. Dous estilos contrapostos. Dúas apostas por tirar o maior proveito posíbel dos recursos respectivos.

derbi

O Deportivo estivo máis eléctrico e xerou mais chegadas nos primeiros 45 minutos, cun Luisinho hiperactivo por banda dereita, nas antípodas dun Arizmendi que sinxelamente se borrou do partido. O Lugo tivo a bola, como estaba cantado no guión. Todos interpretaron o seu papel á perfección, sen sorpresas. Fernando sabe ao que xoga, a que non lle marquen, e Setién, tamén, a que non lle rouben a pelota. Así, anuláronse. E asinaron case as táboas por antecipado, só pendentes de que algunha acción aillada puidese desequilibrar a balanza para un lado ou para outro. Puido ser nun fungueirazo de Seoane que bourou no pau dereito de Lux, xa vencido, na primeira metade. Ou puido ser na segunda, nunha acción de Luís Fernández, moi franca, perante a baliza de José Juan, incomprensibelmente desbaldida polo dianteiro de Burela: un tiriño frouxo, ao centro do marco, máis unha cesión ao porteiro do que un disparo.

Na segunda parte, o Deportivo xogou máis especulativo, sen a sobre-excitación que exhibiu no primeiro acto, tal vez debedora de que este era un derbi, un deses partidos que sempre teñen unha temperatura emocional, distinta, a que transmitían as ateigadas bancadas de Riazor, 30.000 almas, unha entrada que poucos estadios de Primeira División exhibirán durante o campionato, almas que berraron ou aplaudiron perfeitamente sincronizadas, no minuto 10, o Nunca Máis, un grito de dignidade.

O Lugo non ten equipa para acantonarse atrás e o Dépor non ten equipa para se lanzar a tumba aberta ao ataque

O exercicio axedrecístico de Setién é admirábel. Non ten equipa para acantonarse atrás e agardar a defender, así que pon as liñas máis adiante e entrega o coiro a futbolistas con capacidade para a distribución, comandados por Carlos Pita. Toma a mellor das opcións para a súa equipa.

Outro tanto fai Fernando Vázquez. Non ten equipa para se lanzar a tumba aberta ao ataque, non hai coitelos finos sobre o relvado, así que organiza as liñas con extraordinaria eficacia, engruña os espazos para o rival, apenas concede ocasións, e agarda que Culio reprima a tendencia carretadora e invente algo en ataque, cun Luisinho cada vez máis determinante e un JuanDo infelizmente declinante nos últimos xogos.

Asinaron táboas e ficaron tan contentes. As equipas galegas continúan arriba. Sería inxusto pedirlles máis.

Foto do derbi, coa diagonal da bandeira galega sobreimpresionada (tirada do twitter do Deportivo)

Comentarios