Susú Cores, adestradora de fútbol no CD Macará ecuatoriano

Susú Cores: "Os adestradores de antes nin crían nin se implicaban no fútbol feminino"

Susú Cores (Ribeira, 1985) é un dos nomes propios do fútbol feminino no Ecuador, onde após adestrar o poderoso Independiente del Valle, agora dirixe o Macará, estendendo unha aventura americana que iniciou en 2020 logo de acumular unha ampla traxectoria na Galiza dirixindo equipos como Victoria ou Boimorto.
A técnica galega, na sala de trofeos do seu novo equipo. (Foto: Nós Diario).
photo_camera A técnica galega, na sala de trofeos do seu novo equipo. (Foto: Nós Diario).

Vostede elevou ao máximo expoñente ese vello dito de que “o fútbol non ten fronteiras”, pasando a principios do pasado ano 2020 de adestrar en Boimorto a facelo na localidade ecuatoriana de Sangolquí. Que a levou a tomar esa ‘life-changing decission’, como dirían os americanos?

Tiven moitas oportunidades de saír fóra con anterioridade, pero sempre fun moi da miña zona de confort: da casa, da familia, das amigas... mais cando recibo a chamada para ir a Independiente penso que é un agora ou nunca, e logo de consultalo con familia e amigas reafírmome en que non hai nada que pensar, que é o meu soño e hai que vivilo, porque o de aquí non vai marchar, así que lanceime a vivir esta aventura.  

Sen deixar os tópicos, a presenza anterior á súa chegada no corpo técnico de Independiente del Valle de galegos como José Mato, Iván Vázquez ou Luis Pastur, ademais de confirmar que hai galegos en, literalmente, todas partes, canto tivo que ver na súa determinación de emigrar até o Ecuador?

Moito. Ao final, tiña que cruzar o charco e ter xente coñecida como Iván Vázquez, co que mantiña unha boa relación de cando traballaramos xuntos no pasado; ou José Mato, que é de Ribeira coma min e que me escribiu para animarme, fíxome sentir máis segura, sabendo que non ía a cegas e que tiña a quen recorrer se xurdía algún problema neses primeiros momentos.

Recentemente, no pasado mes de febreiro, vén de cambiar de equipo, asinando polo Club Deportivo Macará, entidade que se sitúa na cidade de Ambato, que aproximadamente conta co duplo de habitantes que Sangolquí, 165.000, pero que é algo máis modesta en canto a obxectivos deportivos que o Independiente. A que se debeu ese cambio de aires?

Indepediente del Valle é un referente, o mellor club do Ecuador, pois ten máis recursos económicos e, por tanto, as mellores xogadoras do país, pero a cousa alí non foi de todo ben pola xestión por parte do club. Así que tiven unha chamada de Macará e estudei o seu proxecto. Trátase dun conxunto humilde que quere medrar no fútbol feminino, cun proxecto a longo prazo, desde a base, o que me chamou moito a atención. 

Botando a vista atrás, case inmediatamente despois de dar os seus primeiros pasos como futbolista no Xuventú de Aguiño comeza a interesarse por outra faceta do fútbol: a técnica. Cando empeza Susú Cores a adestrar e que a motivou a, sendo tan nova, dar ese paso que, naquel momento, no que o fútbol feminino estaba case en cueiros comparado coa actualidade, era moi pouco habitual?

Xa cando estaba no Xuventú de Aguiño, con 17 anos e sen título, adestraba nas categorías de base a benxamíns e alevíns. Logo, cando marchei para A Coruña a estudar INEF, entrei no Victoria, onde me encarguei das categorías femininas e dos infantís masculinos. Pouco despois tamén collín a Sub-12 da selección galega de fútbol, logo de recibir a chamada da Federación. Máis tarde deixei de xogar, porque lamentabelmente antes no feminino non tiñamos adestradores que se implicasen de verdade no noso deporte, que cresen realmente no fútbol feminino, o que me molestaba moito e que me levou a centrarme en adestrar e contribuír neste cambio, así que collín o equipo sénior feminino do Ural e gañamos a Liga, que acabaría sendo a miña plataforma para o Boimorto.  

Nese vestiario do Xuventú de Aguiño coincidiu cunha xogadora que continúa en activo e triunfando no mundo do fútbol como é Vero Boquete. Agardaba que chegase tan lonxe, até o punto de ser considerada aínda hoxe como unha das mellores xogadoras do mundo e contar cun estadio co seu nome?

A primeira vez que vin Vero Boquete eu aínda xogaba de dianteira no Xuventú de Aguiño. No seu primeiro partido connosco colleu o balón na nosa área, caneou todo o mundo ao seu paso e acabou metendo gol. Nese mesmo momento dixen "o meu tempo como dianteira acabou, aquí non che hai nada que facer", e así foi, pois acabei xogando de defensa central (ri). Estaba claro xa daquela que era diferente, que ía ter futuro neste deporte, como así foi. Aínda hoxe teño unha boa amizade con ela e estou orgullosa de que á súa idade siga nun equipo como o Milán, facéndoo tan ben e sendo un referente para todo o fútbol feminino.

A súa última experiencia na Galiza, antes de emigrar ao Ecuador, foi no Boimorto, onde tornou na primeira adestradora en dirixir un conxunto masculino da Preferente galega. En perspectiva, como valora esa experiencia? Valora volver dirixir homes no futuro? 

Non descarto nada, claro, pero si que é certo que no fútbol feminino hai aínda moito traballo que facer, moito que loitar polo noso. No masculino, ademais, é todo máis complicado, está moi copado, resulta moi difícil entrar e estás máis no ollo do furacán. Non obstante, estou contenta aquí, gústame o fútbol en feminino e oxalá poida seguir dirixindo equipos durante moito máis tempo. 

Comentarios