Suspendido o Obradoiro-Fuenlabrada de baloncesto por un positivo no equipo compostelán

Xa son tres os encontros suspendido na Liga Endesa por contaxios da Covid-19.

monbus_obradoiro
photo_camera O equipo do Obradoiro, no partido de pretempada contra o Bilbao Basket (obradoirocab.com)

O duelo Monbus Obradoiro-Urbas Fuenlabrada, igual que o Iberostar Tenerife-Casademont Zaragoza, ambos os dous correspondentes á primeira xornada da Liga Endesa, foron suspendidos por un positivo no equipo compostelán e outro no aragonés, confirmaron ambos os clubs este sábado, 19 de setembro.

"A ACB comunícanos oficialmente que o encontro desta tarde contra o Urbas Fuenlabrada será adiado pola detección dun positivo no noso equipo. Como marca o protocolo, o persoal ao completo xa repetiu a proba", comunicou o Monbus Obradoiro.

Posteriormente, era o club maño o que informaba da mesma decisión no seu partido. "Tras as probas PCR realizadas ao equipo de Casademont Zaragoza de Liga Endesa, cuxos resultados coñecemos na última hora da noite desta sexta feira, a expedición non viaxou hoxe sábado a Tenerife ao detectarse un positivo por Covid-19", confirmou.

"O equipo, seguindo o protocolo marcado pola ACB e o CSD, atópase á espera de coñecer o resultado das novas probas efectuadas a primeira hora deste sábado para poder, no seu caso, disputar o encontro ante o Iberostar Tenerife en próximas datas", engadiu.

Terceira suspensión

Desta maneira, non se poderá disputar o duelo fixado para este sábado ás 18 horas no Multiusos Fontes do Sar de Santiago de Compostela entre o Monbus Obradoiro e o Urbas Fuenlabrada, nin o previsto o domingo ás 12.45 horas no Santiago Martín de San Cristóbal de la Laguna, entre o Iberostar Tenerife e o Casademont Zaragoza.

Con isto, xa son tres os partidos suspendidos da xornada inaugural, despois de que na sexta feira, tamén partido entre o Joventut de Badalona e o Unicaja, previsto para este sábado ás 18 horas no Palau Olímpic de Badalona, fose adiado até a segunda feira ás 20.30 horas por un positivo no equipo visitante.

Comentarios