O Surf sopra 35 candeas en Valdoviño

Consolidada como unha das probas do calendario surfeiro internacional, o Pantín Classic está este ano de aniversario. A afección seguiu desde o sábado as competicións de surf adaptado, o campionato galego e o World Surf League que rematará este 17 de xullo. 
A surfista Isabel Gundín, gañou a proba do campionato galego feminino (Foto: Federación Galega de Surf).
photo_camera A surfista Isabel Gundín, gañou a proba do campionato galego feminino (Foto: Federación Galega de Surf).

A praia de Pantín, no concello de Valdoviño, con máis de 5.000 metros cadrados, volve ser, desde o pasado sábado e até o 17 de xullo, a capital galega do surf. Nesta ocasión, ademais, a cita celebra o seu 35º aniversario, polo que as diferentes probas que alberga teñen un carácter especial. A propia organización anunciaba que era o primeiro campionato europeo "con patrocinio netamente galego".  

Comezou a competición coa terceira edición do Campionato de Surf Adaptado, cunha importante participación internacional feminina como a da canadense Vitoria Feige, a portuguesa Marta Jordāo ou a valenciana Mireia Cabañes. Salientou tamén a participación de Álvaro Méndez que, con só 15 anos, deu exemplo de superación e resiliencia, e na que o galego Pablo Cabezas acadou un segundo posto na categoría Visual 1. 

Outra das probas foi o Campionato Galego de Surf Open nas súas tres categorías. As vitorias foron, na masculina Open, para o oleirense Manuel Fernández; ns categoría feminina Open, para a ferrolá Isabel Gundín; e na categoría Máster triunfou o vigués Derick Rey. Ademais, o viveirense Samuel Rodríguez e a coruñesa Lola Bermúdez, que remataron en segunda posición, tamén pasan a competir no World Surf League (WSL).

Competición europea

Ao remate destas probas as olladas dirixíronse cara ao circuíto europeo WSL, que comezou o 12 de xullo. Unha considerábel presenza internacional, entre o total de 150 participantes, e o papel da representación galega predispuñan a contar con grandes xornadas do mellor surf.

A primeira rematou cunha boa actuación de Maksymilian Michalewski, Mael Laborde, Moisés Domínguez e Dor Bitton. A segunda estivo liderada polo tahitiano Kauli Vaast, a francesa Maud Le Car e a vasca Janire González. Para o domingo está prevista a finalización desta proba coa entrega de premios cara ás 17 horas.

O aniversario dunha proba clásica

Os trinta e cinco anos de historia do Pantín Classic en Valdoviño camiñan parellos aos da chegada do surf  á Galiza. O evento deportivo lembra este ano cunha publicación, con abundante material gráfico, o inicio desta competición.

Nela, Vicente Irisarri e Jesús Bastos recuperan as experiencias que nacen nos anos sesenta e continúan coa descuberta de praias onde cabalgar sobre as ondas (Orzán, Bastiagueiro, Doniños ou Patos) até chegar a Pantín

A primeira proba de surf da que se ten noticia "foi na praia de Orzán en novembro de 1971", sinala Jesús Busto, "mais eran reunións de amigos, Pantín naceu cun espírito diferente", apunta. A idea, daquela, era que chegara a ser "un clásico" como os que se realizaban noutros lugares de Europa.

Cos anos e moito esforzo organizativo conseguiuse, mais este surfista aínda lembra a primeira onda nesa praia co primeiro campionato "das máis de 40.000 que se colleron, posibelmente, entre todas as mangas até hoxe". O afortunado fora Fernando Adarraga.

Comentarios