Superliga: un cártel para espremer o fútbol

Detrás da Superliga non hai unhas cores, tampouco un escudo nin unha paixón. O que move Florentino Pérez e os seus compañeiros de viaxe é unha folla de cálculo que reflicte que a implantación dun novo modelo, máis próximo á concepción do deporte que teñen nos Estados Unidos, multiplicará os seus beneficios. 
A afección do Manchester United leva máis dunha década combatendo a familia de Joel Glazer, vicepresidente da nova Superliga. (Foto: Nos Diario).
photo_camera A afección do Manchester United leva máis dunha década combatendo a familia de Joel Glazer, vicepresidente da nova Superliga. (Foto: Nos Diario).

O fenómeno da irrupción da nova Superliga require dunha análise fría, desapaixonada e desde o punto de vista económico. Porque para Florentino Pérez, Agnelli e o resto dos promotores da iniciativa non se trata de fútbol, de deporte ou de espectáculo, senón única e exclusivamente de cartos.

O proxecto está totalmente impregnado da influencia estadounidense, representada na condición de vicepresidente do magnate Joel Glazer -membro da familia propietaria do Manchester United- e da financiación do banco neoiorquino JP Morgan.

Isto resulta determinante, pois historicamente, até o de agora, en Europa os clubs deportivos, e máis concretamente os de fútbol, actuaron de modo diferente a como operou o sector nos Estados Unidos de América (EUA), onde o principal obxectivo dos donos dos distintos conxuntos sempre foi a maximización do benefico. Economistas como Jones, Noll ou Schofield demostraron cientificamente xa nos anos 60, 70 e 80 do século pasado que a maximización dos beneficios é o motor que move os campionatos nacionais de baloncesto, hóckey ou béisbol nos EUA. 

Polo contrario, o pai da economía do deporte no continente europeo, Peter J. Sloane, quen en 1969 abriu a espita dos estudos dunha materia na que nos Estados Unidos sempre foron un paso por diante, apostila que a este lado do Atlántico "rexe un modelo de maximización da utilidade, no sentido en que os equipos antepoñen gañar o máximo número de partidos por enriba desa maximización dos beneficios", como demostran prácticas anti-económicas tan propias do fútbol como pagar aos xogadores máis que o valor da súa produtividade marxinal, ter cadros de futbolistas demasiado grandes ou cobrar prezos por debaixo do custo marxinal de proporcionar o produto.

Cambio de paradigma

O legado do propio Sloane resulta útil para interpretar o nacemento da Superliga como un cambio de paradigma neste modelo, o que non significa que copie o formato de competicións americanas como a NBA, pois as diferenzas son considerábeis.

O que pretende desenvolver en Europa o presidente do Real Madrid é un cártel no que, tal e como explica Sloane, "un colectivo de firmas, de mutuo acordo, xa que se necesitan para producir contidos -neste caso, partidos-, comecen a operar como un único provedor de mercado".

Detrás desta actuación, alén das escusas amparadas nas millonarias perdas a causa da pandemia, está, por suposto, a ameaza da competencia. Como xa sinalou o matemático Augustin Cournot en 1893, esta pode chegar a resultar "desestabilizadora", polo que a colusión e a subseguinte configuración dun cártel maniféstase inevitábel para proporcionar maior estabilidade e reducir a ameaza desa competencia, controlar con maior eficiencia o mercado laboral -Florentino Pérez tamén pretende rebaixar o gasto dos clubs nos salarios dos futbolistas, e Sergio Ramos parece que será usado como exemplo inaugural desta nova política- e, incluso, obter unhas ganancias máis propias dun escenario de monopolio.

Se ben é certo que isto chocaría coa clásica "Paradoxa Louis-Schmeling", formulada por Walter Neale en 1964 en referencia aos dous combates que mantiveron o púxil norteamericano Joe Louis e o alemán Max Schemling nos anos 1936 e 38. Esta sinala que un negocio estándar busca sempre "alcanzar o monopolio, maximizando os beneficios", mais no deporte este panorama pode chegar a ser "desastroso", pois un campión -como era o caso de Joe Louis- necesita dunha ampla competencia da que xurdan rivais fortes para maximizar o interese nun futuro combate e xerar así o maior número de beneficios posíbeis. Non sería, entón, como pegarse un tiro no pé o feito de configurar unha competición fechada na súa práctica totalidade como é a Superliga? A resposta, e os promotores do proxecto sábeno ben, é non.

Recentes investigacións, da que a máis destacada é a publicada por Humphreys e Zhou no ano 2015, refutan esta teoría indicando que "a igualdade competitiva", o equilibrio dos distintos equipos/contendentes deportivos, "non ten apenas impacto na demanda creada entre a afección nin na asistencia aos partidos nin no número de espectadores". 

Polo tanto, a nova realidade para o fútbol, que comezará "o antes posíbel", segundo reza o comunicado fundacional da Superliga, será unha na que o económico primará sobre o interese do espectador e dos clubs fóra do cártel, mais isto só avanza nunha tendencia na que o deporte rei leva inmerso, canto menos, durante as tres últimas décadas.

Comentarios