Súper sábado de fútbol nas tres divisións principais

Celta B-Tudelano (16.30 horas), Rácing de Ferrol-Real Unión de Irún (17), Lugo-Almería (18.15), Vilarreal-Celta (18.30) e Badaxoz-Deportivo (19). Cinco partidos practicamente ao mesmo tempo que recuperan excepcionalmente os tempos de gloria dunha radio deportiva que sufriu moito o imperio das televisións.
Como hai 50 anos -na imaxe, o lendario adestrador Vujadin Boškov-, os transistores volverán ser fundamentais para seguir todo o fútbol. (Foto: Gahetna).
photo_camera Como hai 50 anos -na imaxe, o lendario adestrador Vujadin Boškov-, os transistores volverán ser fundamentais para seguir todo o fútbol (Foto: Gahetna).

Tarde de excepción a do día de hoxe. Nunha época na que a tendencia, imposta polos intereses dos amos e señores absolutos das competicións futbolísticas, as televisións, é a de dispersar os partidos o máis posíbel, cada vez é menos frecuente que se concentren nun mesmo día ou franxa horaria. Por iso o fenómeno deste 12 de marzo non merece menos que o apelativo de Súper sábado, pois os cinco representantes da Galiza nas tres principais categorías do fútbol estatal saltarán ao terreo de xogo practicamente ao unísono.

O primeiro en entrar en acción será o Celta B, que recibe en Barreiro o Tudelano navarro ás 16.30 horas. Os rapaces dirixidos por Onésimo Sánchez queren prolongar o seu estado de graza e continuar recortando a distancia cun liderado do que están separados por sete puntos. Non obstante, o aval dos seus cinco choque consecutivos sen perder -dos que gañaron catro- non debería facer que baixasen a garda ante a teórica inferioridade dun rival que ocupa a penúltima posición, xa que a primeira vitoria da tempada conseguírona no último encontro do ano ante, precisamente, o filial celeste.

Exactamente 30 minutos despois (17 horas) de que arranque o fútbol en Barreiro seguirán os seus pasos na Malata dous históricos: Rácing de Ferrol e Real Unión de Irún. Inmersos nunha impredecíbel loita de brazos por conseguir entrar nun play-off do que os Diaños Verdes ocupan o último posto con 43 puntos, os mesmos que os irundarras. A resolución deste partido, coa súa correspondente inclinación da balanza do gol average, podería ser determinante no tramo decisivo do campionato, aló polo mes de maio.

Importantes duelos para Celta e Lugo

A emoción do deporte rei pega un salto de categoría xa ás 18.15 horas, co comezo do Unión Deportiva Almería-Club Deportivo Lugo. Nunha situación practicamente análoga á do Rácing co campión de Copa en 1913, 18, 24 e 27, os albivermellos aspiran a que o Estadio Mediterráneo deixe de ser inexpugnábel e, de paso, deixar practicamente asinada a salvación cun triunfo ante un equipo moi poderoso, segundo clasificado da Segunda División con tan só un punto menos que o líder Eibar. O míster, Rubén Albés, afirmou ser "consciente" de medirse a "un dos mellores da categoría", mais mostrou a súa confianza en "aproveitar" as fortalezas dun bloque que ten "confianza" nas súas opcións. 

Xa na Primeira, o Celta de Vigo ten -quizais, agora si, de modo definitivo- a súa última oportunidade de subir ao tren europeo. O Estadio da Cerámica de Vilarreal é un auténtico fortín que os xogadores dirixidos polo Chacho Coudet tratarán de asaltar a partir das 18.30 horas coa consciencia de que todo o que non sexa gañar será dicir adeus -case- definitivamente ao soño da participar na Europa League na tempada do centenario, pois os sete puntos de vantaxe dos castellonencos semellan practicamente irrecuperábeis nos 10 compromisos que lles quedarían por disputar aos celestes.

Finalmente (19 horas), o Deportivo da Coruña porá o broche de ouro a este Súper sábado tan especial visitando o Nuevo Vivero de Badaxoz co único obxectivo de despexar as dúbidas que levan atenazándoo xa desde finais da primeira volta. Ademais de nos seus 11 homes, a afección branquiazul terá un ollo posto na actuación arbitral, pois consideran que vén prexudicando o Dépor desde hai varias semanas. Porén, e tal e como salientou o propio técnico deportivista, Borja Jiménez, na rolda de prensa previa ao partido, nin "quere" nin "pode" pensar "que arbitran diferente ao Deportivo". "Creo na honestidade dos colexiados, do contrario, para min acabaríase o deporte", engadiu.

Comentarios