Sumar, sumar, sumar... e volver a sumar

A tan só tres días do comezo da Primeira RFEF, na que militan Celta B, Deportivo e Rácing, os equipos galegos das máximas categorías veñen de disputar o seu segundo compromiso ligueiro, no que un renovado Club Deportivo Lugo volveu facer alarde de solidez e asinou un empate na casa ante a Real Sociedade B de Xabi Alonso. 
Aínda que de modo moi limitado a causa das restricións, o público deixou sentir a súa alegría no campo. (Foto: La Liga).
photo_camera Aínda que de modo moi limitado a causa das restricións, o público deixou sentir a súa alegría no campo. (Foto: La Liga).

A Liga de Fútbol Profesional (LFP), co aval da Xustiza española desde o pasado mes de xuño, retomou a programación de partidos nas noites das segundas feiras, o que nos impide dar debida cobertura do choque que enfronta Osasuna e Celta na noite de hoxe.

Por sorte, o Club Deportivo Lugo non foi vítima esta xornada das ambicións de Javier Tebas por abranguer todas as franxas horarias, e nun choque moi sólido sumou un novo empate (0-0) no seu segundo compromiso da tempada, disputado no Ángel Carro ante a Real Sociedade B.

Rubén Albés sacou peito despois do encontro, destacando o mérito do punto logrado ante un conxunto recentemente ascendido, pero que deu a sorpresa superando no seu debut un dos máximos candidatos ao ascenso, o Leganés: "Estivemos moito máis preto da vitoria ante un rival de nivel que non tirou a porta en todo o partido".

Ademais, reivindicou o "desquite" que supón para el e máis para os seus homes o feito de que sexan considerados case unanimemente como un dos principais candidatos para o descenso, sinalando que gustan de "remar a contracorrente". 

Reminiscencias de Nafti

Con respecto ao partido, desde logo que as 1.657 persoas presentes no coliseo lucense non asistiron a un espectáculo de fútbol no sentido máis estrito do termo, pero a cambio tiveron algo tan ou máis importante que o equipo perdera hai moito tempo: tranquilidade.

Os vascos, a pesar de sumar 67,1% da posesión, non puxeron en apuros en ningún momento a meta defendida por Whalley. De feito, as escasas ocasións viron da man do xogo directo do Lugo, que en ocasións fixo lembrar a aquel sólido bloque construído por Mehdi Nafti a mediados da tempada pasada.

Chris Ramos, Señé, un posíbel penalti non sinalado sobre Gerdard Valentín... a pesar de non ter o control do balón, o fútbol vertical e directo dos de Rubén Albés superou o deseñado por Alonso, aínda que sen a fortuna de traducirse en goles. 

Agora, coa escuadra albivermella instalada no medio da táboa, e sen perder de vista o foco do único obxectivo, a salvación, o novo Lugo da 2021/22 mostra razóns para afrontar con optimismo non só o choque deste domingo ante o Valladolid, senón o resto da tempada.  

Comentarios