Sterling mete Inglaterra nos cuartos

Os 'Pross' confirman o seu bo momento e superan Alemaña no clásico.
O criticado Raheem Sterling foi, unha vez máis, o heroe dunha afección británica que xa canta nos pubs aquilo de 'It's coming home'. (Foto: UEFA).
photo_camera O criticado Raheem Sterling foi, unha vez máis, o heroe dunha afección británica que xa canta nos pubs aquilo de 'It's coming home'. (Foto: UEFA).

A selección inglesa xubila Joaquim Löw, que di adeus ao combinado teutón 15 anos despois de asumir o cargo cunha eliminación en oitavos de final da Eurocopa após perder 2-0.

Sterling -que marcou o seu terceiro gol nun torneo que comezou baixo o foco da sospeita polo seu frouxo final de tempada- e un Harry Kane tamén criticado polo seu baixo rendemento nos primeiros partidos da Euro, foron os heroes do triunfo inglés. 

O encontro foi a antítese dos vividos na xornada anterior. Se o Croacia-España e o Suíza-Francia se caracterizaron polo espectáculo visual e os goles a moreas, o clásico entre Inglaterra e Alemaña foi outra cousa completamente distinta. Nin mellor nin peor, diferente.

Porque a persoa amante do fútbol aprecia tamén os matices que agocha un modo de xogar quizais menos ostentoso, pero si máis intricado, onde as disposicións tácticas, os movementos e os matices -moitas veces invisíbeis- son os que condicionan o desenvolvemento do encontro.

Desde Inglaterra, o seareiro Joe Cleverley informou a Nós Diario da "tensión" coa que viviron o partido, rachada só por puntuais ocasións dun ou doutro equipo sensacionalmente anuladas polos gardametas Pickford e Neuer até que estoupou a loucura colectiva co gol de Sterling no 75.

Uns cuartos de final cheos de sorpresas e emoción

Os oitavos de final, que concluíron este 29 de xuño cun Suecia-Ucraína do que non podemos ofrecer a crónica por finalizar o partido fóra do horario de fechamento desta edición, ofreceron en liñas xerais un grande espectáculo futbolístico que tivo a súa mellor representación no choque que enfrontou Suíza con Francia, vixente campioa da Copa do Mundo e máxima favorita para o triunfo final, no que a pequena nación helvética apeou o xigante galo nun deses partidos que fan afección.

Logo de adiantarse no marcador, Ricardo Rodríguez -fillo de galego- fallou un penalti no minuto 55 que puido supor o 2-0 favorábel aos suízos. Inmediatamente despois, Benzemá por dúas veces e Pogba deron a volta a un partido que chegou un incríbel empate sobre a bucina do tempo regulamentario.

Unha Francia fundida fisicamente non foi quen de impor a súa superioridade técnica na prórroga e todo se decidiu na lotaría dos penaltis, na que o seu rival non fallou ningún dos seus cinco lanzamento e Kylian Mbappé, heroe nacional no Mundial de 2018, tornaba en vilán logo de fallar unha decisiva pena máxima practicamente tan aplaudida no Estado español como en Suíza, pois así evitaban o 'coco' da competición nos inminentes cuartos de final.

Comentarios