sábado 31/10/20

Special Olympics Galiza volve á actividade

As persoas con discapacidade intelectual tamén teñen dereito á práctica deportiva. O movemento Special Olympics Galiza, dedicado a que se cumpra esta circunstancia, retomou estes días as actividades con moita precaución e os atrancos que a Covid-19 e os protocolos poñen no seu camiño. 
Marcha ciclista unificada de Special Olympics Galiza (SOG)
Marcha ciclista unificada de Special Olympics Galiza (SOG)

Lonxe da competición profesional e máis perto da sociedade, o movemento internacional Special Olympics na Galiza tenta recuperar as actividades deportivas nun sector moi sensíbel, como o é o das persoas con discapacidade intelectual. Desde a súa activación no ano 2000, a asociación organiza e coordina as actividades deportivas, lúdicas e culturais de 29 entidades asociadas e 20 asociacións vinculadas.

Está composta por 329 persoas físicas e o ano pasado fixeron parte das súas probas unhas 1.600 participantes diferentes, que nalgún caso quixeron repetir até sumar un total de 4.000 inscritas e inscritos. 

O seu programa deportivo é anual, desenvolvendo múltiples disciplinas que van desde fútbol sala, baloncesto, natación, maratón urbano até campo a través ou tenis de mesa, pasando por deportes minoritarios, todos eles adaptados sempre ás necesidades de cada persoa.

A súa filosofía é que o deporte debe achegarse a cada atleta, e non o atleta ao deporte que practica. A maioría destas actividades deportivas organízanse en diferentes localidades galegas coas que manteñen acordos de colaboración e que desenvolven, periodicamente, unha vez ao mes.

A última grande acción, que non competición como deixan claro sempre que se lles pregunta, foi o día 7 de marzo deste ano cando organizaron no recinto feiral de Vilagarcía de Arousa (Fexdega) a 220 deportistas con discapacidade intelectual nos Xogos Autonómicos de Deportes Minoritarios Special Olympics Galiza. Logo viría o confinamento nos domicilios e uns meses de incerteza, que agora queren deixar atrás, mais con cautela. 

Actualmente, as actividades procuran unha menor participación para respectar os protocolos e facilitar o control das persoas que participan, así como dos seus acompañantes. Foi o caso da 8ª Marcha ciclista unificada que tivo lugar os días 1 e 2 de outubro nos municipios de Monforte de Lemos, Sober, Ferreira de Pantón e Baños de Molgas coa presenza de 29 ciclistas e 5 adestradoras e adestradores.

Eladio Fernández, presidente de Special Olympics Galiza, ademais de responsábel da Federación Galega de Asociacións en Favor das Persoas con Discapacidade Intelectual ou do Desenvolvemento (Fademga), considera moi importante que esta actividade deportiva continúe "con máis motivo nos lugares onde temos residentes". Salienta que despois do longo período de confinamento das persoas coas que traballan, "a estimulación que se lles crea fai que medre a súa autoestima". Confesa que asumen "algúns riscos" cando aplican os protocolos estabelecidos por non axustarse ás necesidades que teñen parte das e dos participantes nas actividades.

"Temos que tomar algún tipo de decisión sobre este tema,  mais hai que seguir potenciando a actividade física como se está a facer co resto da cidadanía”, asegura a Nós Diario. 

Previsión de actividades no futuro inmediato

As probas que cada ano organizaba esta entidade tiveron que ser adaptadas para minimizar os riscos de contaxio entre as e os participantes. "As modalidades de equipo xa teñen mudanzas", explica a Nós Diario a directora técnica de Special Olympics Galiza, Eunice Mosquera, "e pasarán a ser de destreza individual procurando manter o deporte que corresponda", engade.

Potenciarán as andainas adaptadas a grupos de dez persoas, como as que teñen de protagonista o camiño de Santiago ou municipios como Baños de Molgas. "Tentaremos manter toda a actividade deportiva, como as estancias de fin de semana a través das asociacións, e sempre con grupos reducidos", asegura Mosquera.   

"A situación da pandemia da Covid-19 en cada concello limita moito e dificulta a organización, debido aos cambios diarios que hai na situación da pandemia", di Fernández. Un exemplo son as catro marchas ciclistas que tiñan programado realizar e das que só se desenvolveron dúas, por suspenderse as de Vilagarcía de Arousa e Compostela. Outro dos problemas cos que se atopa a entidade no intre de levar adiante as probas deportivas son "as limitacións que nos poñen para as persoas da terceira idade, que non podemos cumprir por non ser centros asistenciais". Un tema que xa se está a tratar coa Xunta da Galiza para que adapten os seus protocolos a estas actividades.

comentarios