O soño de prata do Lemos esnaquizado polo fascismo

A guerra civil española impediu que o modesto equipo galego xogase na Segunda División.
Monforte soñou cun regreso á Terceira División en xuño pasado. (Foto: Club Lemos)
photo_camera Monforte soñou cun regreso á Terceira División en xuño pasado. (Foto: Club Lemos)

Pasear polas rúas de Monforte desprende certo recendo nostálxico que evoca os tempos de esplendor do condado de Lemos, uns aires que parecen imbuír todos os eidos da vida local. Algo do que o fútbol, por suposto, non é alleo.

O Club Lemos, fundado en 1924, é o cuarto máis antigo do país, un ránking que encabeza o Real Club Deportivo da Coruña (1906). Resultado dunha fusión -como o outro gran equipo da Galiza, o Celta (1923)- entre Lemos Club e o Monforte Fútbol Club, a súa case centenaria historia non conta co brillo e a pompa da de branquiazuis e celestes.

De feito, o Lemos nunca chegou a debutar no que en fútbol se considera como categoría profesional, a Primeira ou a Segunda División, logro que na Galiza si alcanzaron, ademais de Dépor e Celta, os seus veciños do Club Deportivo Lugo, que está a vivir o mellor momento da súa historia logo de sumar 10 tempadas consecutivas na categoría de prata; a Sociedade Deportiva Compostela nos anos 90, cando chegou a xogar catro anos na máxima categoría; os granates do Pontevedra, que fixeron famoso aquilo de "hai que roelo" na década dos 60; o Ourense en diferentes denominacións; o Arousa; os desaparecido Club Deportivo Xuvenil da Coruña e Unión Sporting Club de Vigo; ou o Rácing Club de Ferrol, que estivo en varias ocasións moi preto de ascender á Primeira División e foi subcampión de Copa en 1939.

Precisamente ese ano de 1939 marca un punto negro na historia do Club Lemos. Pouco antes, en 1936, proclamábase campión da Galiza da Serie A e, logo de superar o Club Xixón nunha dura eliminatoria, lograba por méritos propios unha praza na Segunda División do fútbol Estatal.

Por desgraza, o fascismo deu o Golpe de Estado o 18 de xullo, iniciando unha guerra civil que se estendeu durante case tres anos e que trouxo consigo que o deporte se paralizase case por completo até a súa finalización, o 1 de abril de 1939.

Logo do reinicio do fútbol, a Federación Española, pasou a ter o tenente coronel alzado Julián Troncoso á fronte, que tivo como misión fundamental a "depuración" no deporte rei, resaltando sempre que tiña ocasión que os clubs non terían outras finalidades "que as puramente deportivas, aténdose os responsábeis as consecuencias dos seus... erros".

Unha das súas decisións na reestruturación que promoveu foi desposuír o Club Lemos do seu posto na categoría de prata, deixándoo  fóra da nova Segunda División de 40 equipos que arrancou o 3 de decembro de 1939 coa escusa oficial de non dispor dun terreo de xogo "en condicións".

Desde entón, Monforte de Lemos nunca volveu estar tan preto do fútbol profesional, e de feito endexamais chegou a militar na recentemente desaparecida Segunda división B, pero o espírito daquel club a contracorrente que fixo historia nuns tempos máis que convulsos segue vivo a día de hoxe na Preferente Galega.

Comentarios