Soledad Castro Soliño: "Máscaras, distancias... son cousas que rompen a maxia competitiva"

A de Soledad Castro Soliño (Mos, 1965) é unha carreira de fondo, desas que cando arrancan parecen tan longas que non teñen fin. Polo de agora, non se albisca meta para a traxectoria dunha atleta multigalardoada que ten no recoñecemento das súas veciñas o seu maior galardón.
Natural de Mos, hai xa dous anos que o pavillón local recibe o nome de Soledad Castro Soliño. (Foto: Nós Diario).
photo_camera Natural de Mos, hai xa dous anos que o pavillón local recibe o nome de Soledad Castro Soliño. (Foto: Nós Diario).

Vén vostede de proclamarse campioa galega dos 10.000 metros lisos no I Memorial Alejandro Gómez, con quen coincidiu nas filas do Real Club Celta a principios da década dos 90. Que lembranzas garda dun dos mellores atletas da historia do país? 

As dunha persoa silenciosa, seria e entregada ao atletismo, ás súas metas, empeñado en poder acadalas. Unha zancada de galgo, dándolle voltas a Castrelos, coma todos, intentando roubarlle décimas ou centésimas ao crono. Con afán de superarse,  investiu a súa constancia e esforzo na causa que o ilusionou, e os resultados patentan as súas marcas, os feitos que conforman ao atleta que é Alejandro Gómez. Despois descubro o seu afecto polos animais e a súa dedicación, e penso nel coma ese galgo que corre porque é a súa condición, necesidade e reto. Penso e non sei dicir, porque a lembranza é iso, a impresión e a imaxe que permanece viva. 

Este triunfo no Memorial Alejandro Gómez é un máis nun palmarés extensísimo que inclúe campionatos de Europa e do Mundo. Onde atopa a motivación para manterse competitiva?

É un misterio que aínda non dei resolto, quizais na necesidade de compartir , de consolidar un traballo e comprobar o resultado do tempo invertido. Eu sinto se aburre xa a miña presenza en competicións, pero non sei facelo mellor. É unha renovación constante, unha aceptación continua de límites ou unha aprendizaxe distinta en cada experiencia, aínda que tampouco motiva moito a competición: máscaras, distancias...cousas que rompen a maxia competitiva. Tamén pode ser que sempre o atletismo foi agradecido comigo, entón non sei prescindir del; é a causa permanente, o reto debido á xente que atura reiteradamente as queixas e ladaíñas dos días. Non sei, é unha visión da vida, de ir medrando nuns aspectos e desmedrando noutros. E menos mal que Oliva, como adestradora, parou os meus pés para participar noutras moitas carreiras. 

Ademais das medallas e os trofeos, tamén obtivo o recoñecemento do pobo, e no ano 2019 o Concello de Mos rebautizou o pavillón local como M. Soledad Castro Soliño. Que se sente sendo profeta na propia terra?

Buff!! Resposta difícil de sintetizar, porque tampouco sabería pronunciar un agradecemento que se renova continuamente, non se sentencia nunca. Gustaríame que todas aquelas persoas que estiveron presentes na inauguración, e tamén as que non, garden un anaquiño de recordo por sempre, e ás que gozan das instalacións, que saiban que o nome dunha veciña de Dornelas, atleta, tamén é un pavillón. Non son profeta pero creo na grandeza da xente, e nese credo permanezo, na propia terra.

As súas inquedanzas persoais non se limitan ao eido atlético, e fóra das pistas ten desenvolvido unha numerosa produción cultural en ámbitos como a literatura ou a pintura. En que mundo se sinte máis cómoda?

Son sentires imprescindíbeis todos eles: deporte, coñecemento e creatividade. Se algún falla, fallo toda eu completa. Permiten estabelecer o equilibrio e matar a ansia que emana dalgún lugar. E se non se satisfai, xera unha especie de sentimento de culpa ou malestar por non lle dar resposta. É como unha manifestación da harmonía cósmica. Compráceme a contemplación dun debuxo ou pintura ben rematada; gratifícanme as palabras cando xorden sen máis para narrar e contar, e engrandézome nas lecturas e o coñecemento que os libros me outorgan. 

Ao longo da súa carreira desenvolveuse con éxito sobre a pista, no campo a través, no medio fondo e no fondo, mais, cal é a súa disciplina favorita e por que?

Son disciplinada, entón adáptome, pero  as razóns das variábeis están aí e son resultado de non querer reiterar sensacións, de dialogar co corpo en campos diversos, e aventurarse ás respostas. A pista é esixencia e tensión continua; o cross, a amizade proposta á natureza e á climatoloxía; a ruta, a dureza de asfalto sen visión de tregua, só meta; a montaña, o reto da dificultade extrema, pero descansada, dalgún modo. A rapidez é o meu grande pecado, polo que me resigno ao medio fondo, e fondo, e máis fondo. Estimo especialmente as medias maratóns, pero esa estima vén consolidada pola experiencia de variábeis, non das renuncias. Ademais, aínda quedan moitas disciplinas sen práctica, pero creo que xa non me vai dar tempo de poder contalas.

Cal é o seu próximo reto e canta gasolina cre que lle queda no tanque a Soledad Castro Soliño?   

Xa non hai tanques, confabúlome coas enerxías chamadas ecolóxicas e declárome eléctrica, ou híbrida. Ás veces hai que enchufarse á corrente, outras é o corpo quen as vai reciclando, e se teño que funcionar con gasolina, espero poder renovar aínda moitos depósitos. Quixese engadir unha listaxe de retos e carreiras que aínda quedan, pero non sei contar, porque todo se volve incerto e depende do que non depende de nós. Non me motivan estas circunstancias de competición nin de viaxes, entón, redúzome ao que sirva para non sucumbir e permanecer na actividade atlética. A anomalía prevalece e os retos vólvense difíciles de pensar. Castrelos xa non é. Eu tampouco. Pero sempre quedará unha maratón... algún día, cando sexa maior, máis veterana.

Comentarios