Sinistro total da 'Chachoneta': Carlos Carvalhal será o novo adestrador do Celta

Medios portugueses aseguran que o equipo vigués confirmará esta cuarta feira o cambio de técnico.
Eduardo Coudet e Carlos Carvalhal, presente e futuro do Celta. (Foto: Europa Press)
photo_camera Eduardo Coudet e Carlos Carvalhal, presente e futuro do Celta. (Foto: Europa Press)

Eduardo ‘O Chacho’ Coudet deixará esta semana o cargo de adestrador do Real Club Celta de Vigo. Así o desvelou esta terza feira o xornalista portugués Pedro Sepúlveda, quen tamén adiantou o nome do que será o seu posíbel sucesor.

“Exclusivo. Carlos Carvalhal será o novo treinador do Celta. Documentos assinados. Oficialização está iminente”, escribía Sepúlveda na súa conta de Twitter pasadas as 23.24 horas da terza feira.

De confirmarse, o técnico arxentino e o equipo da cidade olívica fecharán unha etapa que comezou en decembro de 2020, cando Coudet substituíu no seu posto Óscar García Junyent. 720 días despois, ‘O Chacho’ suma 84 encontros, nos que acadou 31 vitorias, 19 empates e 34 derrotas.

O seu paso pola bancada do Celta estivo dividida en dúas etapas. Nunha primeira, a melloría dos resultados deportivos levou os seareiros do equipo vigués a acuñar o termo ‘A Chachoneta’ para referirse ao conxunto dirixido por Coudet.

Porén, as malas sensacións no céspede -suma seis derrotas nos últimos oito partidos- e a presunta tensión entre o adestrador e o asesor deportivo Luís Campos acabaron pondo o punto e final ao seu periplo no Celta.

Carlos Carvalhal

O novo adestrador do conxunto vigués será Carlos Carvalhal, de 56 anos, que chega co aval de Luís Campos. A súa última experiencia como técnico foi no Al Wahda FC de Abu Dhabi, onde só dirixiu catro partidos.

Carvalhal conta con experiencia na liga portuguesa (SC Braga e Sporting CP entre outros), na liga inglesa (Swansea City) e na liga turca (Besiktas). O equipo no que máis tempo estivo foi o Sheffield Wednesday, ao que dirixiu en 131 partidos.

Desta maneira, o técnico portugués converterase no sétimo adestrador do Celta en cinco anos, desde que o arxentino Eduardo Berizzo deixase a cidade en 2017 após 3 tempadas no cargo.

En concreto, polo equipo vigués pasaron desde a tempada 2017-2018 Juan Carlos Unzúe, Antonio Mohamed, Miguel Cardoso, Fran Escribá, Óscar García Junyent, Eduardo Coudet e agora Carlos Carvalhal.

comentarios