Siareir@s Galeg@s no Congreso: “Só vimos reclamar o que é un dereito para o noso País"

Representantes de Siareir@s Galeg@s, Esait e Plataforma pro Seleccions Esportives Catalanes compareceron no Congreso apoiados por deputad@s do BNG, ERC, CIU, Amaiur, IC-V e Coalición Canaria para defenderen a oficialidade das seleccións galega, vasca e catalá
A reivindicación das seleccións nacionais chegou ás portas do Congreso
photo_camera A reivindicación das seleccións nacionais chegou ás portas do Congreso

Unha delegación de Siareir@s Galeg@s levou a Madrid, ao Congreso d@s Deputad@s, a reivindicación de que Galiza poida ter seleccións nacionais propias e oficiais. Unha demanda que expuxo na Cámara española a carón de representantes de Esait e Plataforma pro Seleccions Esportives, que reclamaban ese mesmo dereito para os seus países. Estiveron apoiados no acto por parlamentari@s de BNG, ERC, CIU, Iniciativa per Catalunya, Amaiur e Coalición Canaria.

A petición é, en palabras de Davide Rodeiro, de SS.GG, que “simplemente pedimos normalizar unha situación”, a que deriva do dereito de Galiza a ter seleccións propias e oficiais. Na comparecencia perante os medios no Congreso os representantes destes tres colectivos incidiron en que “só reclamamos un dereito, non imos contra ninguén”.

“Igual que traballamos na rúa, nos pavillóns ou nos estadios por este dereito, agora vimos ao Congreso a pedilo”

Rodeiro, que estivo presente no acto en Madrid, lembrou que as federacións españolas de diferentes disciplinas deportivas exercen presións a nivel internacional perante as súas homólogas para que do Estado só a selección española poida competir oficialmente. “E non podemos esquecer que as federacións son entidades privadas”.

Na rúa, nos pavillóns e estadios... e no Congreso

Davide Rodeiro enmarca este acto en Madrid na dinámica de Siareir@s Galeg@s a prol da oficialidade das seleccións galegas. “Por ese obxectivo podemos traballar na rúa e nos pavillóns e estadios, mais tamén noutros niveis, como o de reclamar ese dereito no Congreso”.

Neste sentido, Rodeiro sinala que as tres plataformas a favor da oficialidade (a vasca, galega e a catalá) “traballan coas súas propias dinámicas” e que conflúen “nun mesmo obxectivo”.

“É factíbel ter seleccións oficiais”

Desde SS.GG insisten en que Galiza teña seleccións deportivas competindo de forma oficial “é factíbel, non é imposíbel. Se non se fai é porque, entre outros elementos, hai unha gran presión das federacións españolas ás súas homólogas internacionais para que non o permitan”. Lembra Rodeiro que Catalunya, a pesar deses impedimentos, ten presenza nunha vintena de federacións deportivas internacionais. E aí están tamén os coñecidos exemplos de Escocia e Gales, que sen seren estados compiten internacionalmente de maneira oficial.

A comparecencia no Congreso reuniu unha representación dos medios españois “máis interesados por saber o que ían facer os seguidores e seguidoras vascas e catalás de cara á final da Copa do Rei (esta sexta feira, que enfronta o Barça e o Athletic de Bilbao) que polo que iamos expor”.

Antes da comparecencia, os representantes destas plataformas mantiveron unha xuntanza c@s representantes de diferentes partidos representados no Congreso. Polo BNG estaba Olalla Davila, que amosou o apoio no Bloque Nacionalismo Galego a estas reivindicacións.

O acto celebrouse co gallo da presentación dunha proposta non de lei (PNL) por parte de Amaiur para que o Congreso español debatese o dereito de Galiza, Euskal Herria e Catalunya a contaren con seleccións oficiais.

Comentarios