Sheila Sánchez: "Para firmar polo Dépor, antes teño que limar asperezas cunha persoa do club"

A morriña é un mal endémico dos galegos e galegas do que non escapa a futbolista coruñesa Sheila Sánchez (A Coruña, 1994), quen en 2015 emigrou perseguindo o soño de ser futbolista a unha Austria que, igual que acontece aquí, vive inmersa nun día a día totalmente condicionado pola pandemia da Covid-19.
A xogadora galega controla un balón nun partido da liga austríaca. (Foto: RW-Rankweil).
photo_camera A xogadora galega controla un balón nun partido da liga austríaca. (Foto: RW-Rankweil).

Como é a vida dunha futbolista na Austria da época da Covid-19?

Difícil, moi difícil. Temos un lockdown, é dicir, un fechamento total salvo dos servizos primarios: supermercados, farmacias e comida para levar. Non hai nada máis aberto, como centros comerciais ou tendas de roupa, todo isto está fechado desde o día 24 de decembro. A cousa está moi mal... para os estándares de aquí, claro, porque comparado con España vai todo marabillosamente.

Como afectou este tema á competición?

Este ano a competición foi horríbel. Comezamos no verán, máis tarde do habitual pola Covid-19, e desde entón tivemos que suspender partidos nosos ou noutros equipos, até que a falta de dous partidos para finalizar a primeira volta chegou a parada invernal, que é bastante longa, pois esténdese desde mediados de novembro até mediados de xaneiro. Non obstante, este ano non comezamos o día 18 deste mes, como estaba previsto, así que como mínimo até mediados de marzo está claro que non poderemos xogar. Sinceramente, eu penso que tal e como son aquí de estritos, disputaremos os dous partidos que quedan da primeira volta e darán por rematada a competición. 

E aos adestramento?

Faino todo máis complicado, porque, por exemplo, dúas das nosas xogadoras son suízas e non poden vir connosco porque terían que facer corentena. Está sendo horríbel, porque nunca chegas a coller o ritmo de competición a causa das corentenas constantes. As xogadoras novas non teñen tempo a adaptarse, os adestramentos en grupos de máximo cinco persoas imposibilita o traballo en equipo, o cal se nota no campo... por iso eu considero este ano como nulo, imposíbel de valorar.

Transcorridos xa seis anos desde a súa partida, ten a intención de continuar alí ou a morriña fai das súas e pensa en volver á casa?

Teño sentimentos encontrados, porque xa teño 26 anos, e este ano fago 27, que para unha xogadora de fútbol é unha idade considerábel. A morriña está aí, pero alá a cousa está moi mal a nivel laboral e aquí teño un traballo no que estou moi valorada. Polo contrario, futbolisticamente cando marchei a cousa estaba moito peor que agora. Entón, que me gustaría xogar ao fútbol? Por suposto. E a un alto nivel? Claro que si, pero á miña idade eu xa valoro outras cousas, como unha certa estabilidade. 

Vostede é da Coruña, cidade na que está o Dépor, que a día de hoxe é o único equipo galego na Primeira División, aínda que ten toda a pinta de que o ano que vén vaia xogar na Segunda. Tivo algunha vez a posibilidade de asinar polo Deportivo e, se non, existiría a posibilidade de o facer de cara á vindeira tempada?

Penseino en moitas ocasións, de feito a nivel futbolístico sería un progreso volver, porque a Liga avanzou moito. E que dicir do Deportivo... eu son do Dépor a morte, como boa coruñesa. Encantaríame levar o seu escudo, pero hai unha persoa en concreto que está no Deportivo coa que debería sentarme a falar e que no seu día xa me tivo ao seu cargo. Non digo nomes, pero cada quen que entenda. Obviamente si que penso niso, polo equipo e porque para min sería unha honra, pero é un tema sensíbel. Tiven a opción no seu momento, pero a día de hoxe aínda quedan asperezas por limar.

Pero no Deportivo, teoricamente, sería profesional e non tería que preocuparse de buscar un emprego fóra do fútbol... 

Obviamente. E, con sinceridade, a que persoa criada na Coruña non lle encantaría xogar no Deportivo? Xogar en Riazor? Riazor... Aínda que só fose un partido... Encantaríame, non o podo negar, pero non podo dicir máis do que xa dixen [ri].

Cada vez hai máis xogadoras galegas que seguen os seus pasos e os de xente como Vero Boquete e marchan xogar ao exterior. Como ve a evolución do fútbol galego nos últimos anos?

Falando desde a miña experiencia persoal, cando eu comecei a xogar, con cinco anos, aquilo era unha tolemia, pois estaba eu soa no medio de nenos, recibindo insultos por parte de pais... e agora as nenas teñen equipos para elas xa desde os cinco anos, teñen outras referencias femininas, saben que se queren poden desenvolverse no deporte... todo iso na miña época non pasaba.

De feito, vostede tivo que saír da cidade rumbo Pontevedra e Friol sendo só unha adolescente para poder xogar. Como lembra esa situación?

Si, eu empecei co Orzán, cando se creou o equipo feminino. Daquela tiña 13 anos e a porteira 32 [ri]. Aquilo era un mix de todas as rapazas que había preto que querían xogar ao fútbol. Agora, por sorte, poden decidir e medrar no deporte, desde a base, formándose e sentíndose integradas no equipo, sen preocuparse do futuro, pois existen alternativas. E a tranquilidade non é exclusiva das nenas, tamén dos pais e nais, porque o fútbol hoxe está ben visto, non é nada raro que a túa filla queira xogalo, porque está normalizado, até o punto de que hai até partidos de mulleres na televisión, mentres que na miña época non saía nin no último recuncho do periódico. 

Comentarios