Sevilla-Dépor (1-1): un punto con sabor a permanencia

O Dépor conseguiu un punto de ouro na súa visita ao Pizjuán. E é que após este empate acaricia a permanencia.

[Imaxe: RCDC] Dépor
photo_camera [Imaxe: RCDC]

Desde os primeiros minutos do encontro, o Sevilla fíxose dono do balón. Os locais chegaban con facilidade á area coruñesa sen conseguir anotar tanto ningún. Varias ocasións de Llorente precederon o gol dos locais, que chegou no minuto 21 , cando Vicente Iborra rematou ao fondo da portería visitante.

Após o gol, Llorente dispuxo de novas oportunidades e o Dépor conseguiu chegar con máis facilidade á área do Sevilla. Porén, o partido chegou á metade co 1-0 no marcador. Aos seis minutos da segunda metade, Fayçal dispuxo da mellor ocasión do Dépor en todo o partido, mais o seu disparo foi detido por Sergio Rico.

O Sevilla volveu acariciar o segundo gol. Tanto, que mesmo a afección local chegou a cantar o tanto por culpa dun efecto óptico cando Konoplynanka estivo a piques de sorprender a Manu no lanzamento dunha falta.

No minuto 81, Fayçal recuperou un balón no medio do campo que abriu á esquerda para Lucas Pérez. O futbolista de Monelos viu o desmarque de Oriol Riera no pau contrario e foi entón cando subiu o gol do empate ao marcador. O ariete catalán asinaba o seu segundo tanto no que vai de temporada.

Os últimos minutos do encontro foron trepidantes. O Sevilla tratou de adiantarse e impediulle ao Dépor tocar a pelota. Malia a gran presión dos locais, o Dépor conseguiu manter o marcador 1-1 e trouxo un valioso punto para A Coruña.

Sevilla FC: Sergio Rico, Coke, Carriço, Kolodziejczak, Escudero, Cristóforo, Iborra (N’Zonzi, min. 74), Reyes (Curro, min. 60), Banega, Konoplyanka e Llorente (Juan Muñoz, min. 65).

RC Deportivo: Manu Fernández, Juanfran, Lopo, Sidnei, Fernando Navarro (Jonás Gutiérrez, min. 76), Luisinho (Cani, min. 46), Fayçal Fajr, Pedro Mosquera, Borges, Luis Alberto (Oriol Riera, min. 52) e Lucas.

Goles: 1-0 Iborra (min. 21); 1-1 Oriol Riera (min. 81).

Árbitro: Jaime Latre (c. aragonés). Amoestou Lopo (min. 61), Carriço (min. 68), Curro (min. 70) e Oriol Riera (min. 84).

Comentarios