"SOMOS CELTISTAS, NON TERRORISTAS"

Sesenta peñas do Celta quéixanse polo trato á afección celeste en Balaídos

“A situación é inaceptábel”, afirman nun comunicado no que din que a expulsión do estadio dun seareiro por levar unha bufanda de Celtarras “non é unha triste anécdota”.

aficion_balaidos_celta
photo_camera Imaxe: RC Celta

“Somos celtistas, non terroristas”, así finaliza o comunicado suscrito por 59 peñas de seareir@s do Celta de Vigo e no que se denuncia o trato que a afección celeste sofre na propia casa, no estadio de Balaídos. Cualifican de “feito inaceptábel” a expulsión dun seareiro “acusado de incitar á violencia” por levar unha bufanda de Celtarras e din que o acontecido non “é unha triste anécdota”.

Están molestos e anoxados polo “trato aos seareiros no noso propio estadio”. Falan de “controis abusivos”, da prohibición de entrar con material, de malos xestos... E, engaden, a “nula defensa” que afirman que fai o Club dos seus seareiros cando nos desprazamentos sofren algún tipo de incidencia.

"As peñas recibimos de seguido queixas polo trato aos seareiros no noso propio estadio"

E esta sensación de malestar acrecéntase porque, afirman, cando outras afeccións (“incluso colectivos de notorio carácter violento”) veñen a Balaídos non atopan problema para lucir nas bancadas “e con impunidade” símbolos e material de todo tipo. “A situación é inaceptábel. O silencio do club, atronador”.

celta penhasPor todo o exposto, estas sesenta peñas piden unha “rectificación” do Celta. En caso de non darse, advirten, estudiarán exercer “medidas máis importantes” para lograr “o respecto que nos merecemos”.

Entre as asinantes, están peñas como Carcamáns (da Illa de Arousa, a máis numerosa do Celta), Merlego (Compostela), Irmandiños 1923, as peñas celtistas de Allariz, Burela, Ribeiro, Porto do Son, Xenebra, Viveiro, Mallorca.., entre moitas outras. 

Convocatoria nas redes sociais

Por motivos moi semellantes aos expostos neste comunicado, nas redes sociais está a se mover nestes días unha convocatoria (sen asinar) a se concentrar este sábado, 12 de marzo, diante da explanada da Grada de Tribuna de Balaídos, minutos antes de que comece o encontro do Celta coa Real Sociedad. Esta convocatoria chama a non acceder ao estadio nos 10 primeiros minutos de encontro, e amosar así o seu desacordo coa actitude do clube.

Comentarios