domingo 20/09/20

Serge Leuko: "En África, onde os hospitais sempre están colapsados, estamos máis afeitos á morte"

O defensa camerunés do Club Deportivo Lugo revela como viven a pandemia as xentes da súa terra natal en contraste a como se leva na Galiza, onde se atopa confinado en compañía da súa parella, que é enfermeira.
Serge Leuko, durante un adestramento co Lugo antes do confinamento (Foto: CD Lugo)
Serge Leuko, durante un adestramento co Lugo antes do confinamento (Foto: CD Lugo)

A historia de Serge Leuko (Douala, Camerún) é a dun rapaz que aproveitou a súa oportunidade de subir ao tren do fútbol, da man do mellor xogador da historia do seu país (con permiso do gran Roger Milla), Samuel Eto’o. A fundación do dianteiro de Real Madrid, Barcelona e Inter de Milán deulle a oportunidade de “crecer como futbolista e como persoa”, algo que Serge Leuko define como “extraordinario, como que che toque a lotería”.

Loitador nato, chegar a facer realidade o seu soño de ser profesional do fútbol non foi nada fácil para un neno saído do barrio de New-Bell, na cidade de Douala, onde moitos dos seus case tres millóns de habitantes son nenos que pasan o día enteiro practicando o deporte rei. “Os que teñen a sorte de ter un balón”, apostila o hoxe lateral do Club Deportivo Lugo.

A pesar da súa xuventude, o seu nome xa forma parte da historia do equipo albivermello, pois en marzo de 2017 converteuse no primeiro xogador do Lugo en ser internacional polo seu país, Camerún, co que desexa contribuír no futuro, ademais de sobre o terreo de xogo, con “proxectos e ideas para dar oportunidades, como ir á escola, porque alí se non tes a alguén que cha poida pagar, non recibes educación e, polo tanto, non tes futuro”. “En Camerún cando un neno di que ten fame, é que ten fame de verdade, que na súa casa non hai nada que poida levar á boca; nada é nada”, engade.

A crise do coronavirus

 “Outra cousa fundamental é a sanidade”, explica un Leuko que está a vivir con especial inquietude esta pandemia, pois no Camerún “non pode haber confinamento porque a xente ten que saír cada día para buscarse a vida e algo para comer; tampouco hai máscaras, e os mercados só pechan un día para  desinfectar e volven á actividade case normal”.

Nun país onde a esperanza de vida está nos 58 anos, “estase máis afeito á morte e a seguir adiante a pesar dela”, comenta o lateral, que non teme un colapso sanitario porque alí “os hospitais están sempre colapsados, así que non será tan diferente agora co coronavirus”.

Mais, polo de agora, todo terá que agardar á esa “nova normalidade” da que fala o Goberno, mentres continúa confinado xunto á súa parella, Julia, quen é “enfermeira aquí, en Lugo, e tamén vive con especial preocupación estes días a pandemia, nos que está a traballar moito”, conclúe o xogador africano do Club Deportivo Lugo.

comentarios