Seoane resta á pelota do esquecemento

O tenista paralímpico galego ten que recorrer ao micromecenado para conseguir financiación para poder ir aos Xogos Olímpicos de Toquio 2020.
photo_camera Alberto Seoane, adestrando nas instalacións do Club do Mar de San Amaro (Foto: Nós Diario).

O tenis de mesa é un deporte aparentemente sinxelo. Tanto, que conta co maior número de practicantes federados en todo o mundo. Ping, pong, ping, pong, de servizo a recibo, coa dereita ou co revés, a pelota ten que ir dun lado a outro da mesa sen golpear a rede.

A mecánica do xogo é esencialmente a mesma no caso do tenis de mesa adaptado, en que o galego Alberto Seoane forma parte dunha elite mundial na que os occidentais son minoría ante a penetración do deporte nos países do sueste asiático, especialmente na China.

Dúas veces campión do mundo, bronce nos europeos de 2013 e 2015, varias veces campión do Estado e dobre diploma olímpico nos Xogos de Río de Xaneiro 2016, de ter nacido na propia China antes mencionada sería considerado como un heroe nacional e as facilidades para continuar competindo ao máximo nivel por parte das institucións sería total.

Mais Alberto non naceu na China. Aquí a recompensa que recibe das institucións por dedicar toda unha vida de superación continua e dedicación ao deporte é o "abandono", representados nos "600 euros de bolsa ao mes" que recibe no marco do Plan Apoio ao Deporte Obxectivo Paralímpico (ADOP), segundo explica o tenista de mesa a Nós Diario.

A vida dun deportista de elite con 600 euros

O Comité Olímpico Español (COE), sumido nunha burbulla de burocracia e acusacións de corrupción, pensa que un deportista como Alberto pode sufragar dedicar -como mínimo- cinco horas ao día a adestrar ao máximo nivel, todos os gastos relacionados coa práctica deportiva e os do seu día a día con 600 euros.

Quizais por cousas como esta a delegación española nos Xogos Olímpicos pasou de lograr 107 medallas en Barcelona 1992 a 31 en Río de Xaneiro 2016, 71,02% menos. De cara aos Xogos de 2020 o tenista de mesa coruñés podería ser unha seria opción de metal... no caso de poder participar.

Para chegar a Xapón necesita "participar no máximo posíbel de competicións para conseguir unha praza entre as posicións que dan acceso directo". En caso de non conseguilo, aínda tería "a derradeira oportunidade" no preolímpico do mes de maio.

Pero para gañar primeiro hai que comer, e a maneira en que Alberto Seoane consegue chegar a fin de mes é compatibilizando os seus adestramentos cun traballo nunha aseguradora e puntuais colaboracións en medios de comunicación, así como algúns patrocinios. Mais non é abondo. A pesar dos sacrificios que ten feito polo deporte -"son economista, e comparar o que gañan eles co que gaño eu é un mal chiste"- non pode "pagalo todo" só co seu peto.

Por iso decidiu recorrer ao micromecenado, tan popular no mundo da cultura, pero non tan explotado no eido do deporte. 4.000 euros son o que o separan de facer realidade o soño de volver a uns Xogos Olímpicos.

A plataforma escollida por Seoane, por tanto, non foi unha das habituais -Kickstarter, Goteo ou Verkami, entre outras-, senón a especializada Esporti, onde se pode apoiar a Alberto desde un euro até calquera cantidade.

Ademais, e como é habitual nos crowdfundings, ofrécese unha serie de recompensas, que van desde unha camiseta asinada até unha palestra técnica sobre deporte paralímpico. Todo para, como di Alberto, "superar outra discriminación", esta vez a económica.

Comentarios