O Celta continúa a escalada

Aspas, duplamente protagonista no campo do Levante

Unha acción do punta de Moaña culminada por Sisto selou a vitoria do Celta no campo do Levante. A equipa viguesa suma xa 25 pontos, máis perto da Europa League do que do descenso. O dianteiro colombiano da escadra valenciá Jefferson Lerma acusou Aspas de proferir contra el insultos racistas. O futebolista celeste nega todo.

aspas2 2
photo_camera Aspas proba fortuna

Se Messi é o FCB -como en tempos CR7 era o RM-, hoxe Iago Aspas é o Celta. Da inspiración do futebolista de Moaña depende en boa parte a sorte da equipa viguesa. Poucos futebolistas franquicia hai como Aspas. Desequilibrante cando o ten de ser. Cumpridor en todas as facetas do xogo. Aspas nunca se agacha. Sempre anda polo medio. E ten fame, nunca cansa. Este domingo foi, alén do máis, protagonista por partido dobre. No campo e fóra do campo.

Non é doado gañar na casa dunha equipa tan exixida como o Levante, que se debruza sobre o averno, con apenas 18 pontos, metido de cheo na loita por non baixar de categoría. Hai sempre tensión e intensidade nos choques con equipas así. O Celta salvou o asunto na primeira metade grazas ao dominio da bola e a que o Levante asumiu a súa inferioridade técnica, a ceder terreno ao combo vigués na procura dunha contra que desequilibrase o taboleiro de marcas. Foi nese tempo en que se acendeu a luz de Aspas e Sisto non faltou á súa cita co gol. Era o minuto 37. Faltaba un mundo por diante.

Nese mundo sofreu o Celta porque o Levante adiantou as liñas á desesperada. Emerxeu entón outro valor galego do Celta, o gardamallas Rubén, decisivo como en tantos outros xogos do campionato. O porteiro de Mos, aos seus apenas 22 anos, axiganta cada domingo a súa figura, cunha solvencia impropia da súa mocidade. Aspas e compañía dormen tranquilos: Rubén gárdalles as costas.

Aspas nega que dirixise insultos racistas a un rival

Ao remate do encontro, o dianteiro colombiano do Levante Jefferson Lerma acusou Aspas de o ter insultado durante o partido, chamándoo "negro de merda". O punta do Celta -através dun comunicado pendurado na web do clube- nega o incidente. "O que se di no campo fica no campo. Por iso non vou reproducir o que el me dixo a min. En calquera caso, eu non lle chamei o que el me atribúe".

Levante UD: Oier, Luna, Rober, Postigo, Coke, Doukouré (Bardhi, min.84), Lerma, Campaña (Jason, min.46), Morales, Ivi (Mesa, min.79) e Boateng.

RC Celta: Rubén, Hugo Mallo, Cabral, Roncaglia, Jonny, Lobotka, Wass (Radoja, min.72), Tucu Hernández, Sisto (Brais, min.80), Iago Aspas e Maxi Gómez (Sergi Gómez, min.87).

Goles: 0-1, min.37: Sisto.

Árbitro: Álvarez Izquierdo, do comité catalán. Amonestou Morales, Ivi, Doukuré, Coke, Tucu Hernández, Rubén.

Campo: Ciutat de Valéncia.

Comentarios